![[Imaxe: Silvia B.P.]](/asset/thumbnail,768,432,center,center/media/vigodixital/images/2014/08/31/2014083122412497265.jpg)
Tres meses despois o corazón volveu a latexar no vello municipal de Balaídos.Como se o tempo non pasara na súa ausencia, continuou a festa da pasada tempada. Un día despois de cumprir 91 anos o Celta regalou un bo partido e tres puntos a súa afección.
Ilusión é a palabra que mellor describe ao celtismo nestes momentos. Cos pés na terra e a ilusión polas nubes. Despois de todo o sufrido, unha non pode evitar o optimismo deste arranque ligueiro, precedido por unha pretempada exemplar.
Un corazón celeste empurrado por miles de gorxas que tras mil batallas sempre vencen ao silencio
Na segunda xornada a festa non foi completa. Andalucía revelouse e non será tan celeste como a pasada tempada. Un empate e moi boas sensacións. O peor do encontro foi algo totalmete alleo a ambos os dous equipos, unha retransmisión ao máis puro estilo Cuatro. Desas que deixan a tele en silencio para non aturar as parvadas dos de sempre.
Volvamos ao que importa. O Toto encaixa as pezas e consigue que o colectivo estea por riba das individualidades. Unha competencia sana en cada posto que mellora o rendemento individual e o do conxunto. Terán que pasar varias xornadas para coñecer ao "titulares" deste Celta.
Balaídos volveu a latexar. Un corazón celeste empurrado por miles de gorxas que tras mil batallas sempre vencen ao silencio. Comezou o espectáculo. Non traten de entendelo, simplemente hai que sentilo.
Sempre Celta!