00:36 h. sábado, 20 de abril de 2024

ANÉCDOTAS NA XUNTA XERAL DE ACCIONISTAS DO CELTA

Rogos, preguntas e despiporre

Silvia B.P. | @SilviaBP10  |  04 de diciembre de 2014 (13:11 h.)
Vista da Xunta Xeral [Imaxe: celtadevigo.net]

A nosa colaboradora @SIlviaBP10 asisitiu á Xunta Xeral de Accionistas do R.C. Celta de Vigo S.A.D. A seguir partilla co público de VIGO dixital as principais anécdotas da xuntanza.

O pasado martes participei por vez primeira na xunta xeral de accionistas do Celta. Debo recoñecer que foi máis divertido do esperado. A balsa de aceite na que navega Mouriño nos últimos anos meneouse un pouco nos rogos e preguntas, entre cuestións esperpénticas e outras incómodas. Foi o mellor “rogos e preguntas” da historia. Adicarei este artigo ao esperpento e despiporre.

O auditorio tras escoitar A Roda e Melendi, si, si, Melendi; observou atento a presentación de Torrecilla e as súas frechas de polivalencia. O director deportivo gozou do seu momento de gloria compartindo co público o seu “xoguetiño” de seguimento deportivo; o “Wyscouting”. Un avanzado programa informático que permite seguir a xogadores de todo o mundo, consultar as súas estatísticas e filtrar vídeos en función do que te interese analizar. Os problemas informáticos deron emoción ao momento publicitario, porén recoñezo que o xoguete mola bastante.

Houbo quen pediu máis contundencia defensiva e fichar un "adestrador gañador".

Despois chegou a quenda para o público. Quen quixo puido manifestar o que lle viu en gana e abofé que algúns o tomaron ao pé da letra. Un accionista manifestou que no Celta todo estaba ben excepto o traballo de “Tordesillas” que debería aprender a fichar barato e vender caro facendo un curso acelerado en Porto. Repetiu insistentemente o de “señor Tordesillas”. O director deportivo comezou a súa réplica indicando o seu nome: “TORRECILLA, meu nome é MIGUEL TORRECILLA”.

Outro accionista defendeu que o Celta deixara iso do “xogo bonito” e se aplicara na contundencia defensiva. Tamén propuxo fichar a un adestrador gañador e non andar arriscando con adestradores que non teñen títulos e son pouco coñecidos. Vamos, que non pasaba por menos de Guardiola, ou Mourinho por iso do xogo defensivo.

Un accionista propuxo que en Balaídos só arbitrasen colexiados portugueses "porque os españois nos rouban".

O mellor sempre ven ao final. Na última intervención da noite chegou a xenialidade. A proposta de só permitir en Balaídos árbitros portugueses xa que os españois nos rouban, agora non tanto como antes -indicou o accionista- grazas a unha faixa posta por el mesmo na bancada do estadio. Claro que facer iso significaría a nosa expulsión da LFP, pero todo problema ten solución, pois esta mesma persoa propuxera en anos anteriores xogar na liga portuguesa. 

Mágoa que o partido copeiro precipitara o final. Intentarei non faltar o próximo ano. Aínda que o de Melendi foi insoportábel, unha tortura totalmente gratuita.