01:32 h. viernes, 29 de marzo de 2024

REVOLTA VECIÑAL

A asamblea veciñal de Coia denuncia ao Concello na Fiscalía polas obras da rotonda

Redacción | @VigoDixital  |  16 de diciembre de 2014 (13:34 h.)

Pide que se investigue o proceso de adxudicación que, de confirmarse as sospeitas da veciñanza, tería incorrido nos delitos de prevaricación, suborno, tráfico de influencias e malversación.

Das rúas aos xulgados. A asamblea veciñal de Coia deu un paso máis na súa loita por evitar que se instale o Bernardo Alfageme na rotonda de Castelao. Presentaron este martes un escrito perante a Fiscalía, á que lle solicitan que investigue o proceso de adxudicación da obra, que realiza a empresa Civis Global.

A veciñanza sospeita que existen irregularidades no proceso, o que explicaría a falta de expediente público e de información sobre o custo real da instalación. Sobre este último punto, manifestouse onte o goberno municipal, que cifrou a obra en 100 mil euros, fronte aos 600 mil que apuntan os opositores.

Solicitan que Abel Caballero, David Regades e o representante legal da construtora sexan chamados a declarar.

A denuncia vai dirixida contra o Concello, nas persoas do alcalde, Abel Caballero, e do concelleiro de Fomento, David Regades, e tamén contra a construtora. Solicitan que ambos cargos públicos e o representante legal da empresa sexan chamados a declarar, así como que a administración local presente o expediente completo, onde se recolle a aprobación, licitación e adxudicación da obra.

De confirmarse estos indicios, a asamblea veciñal apunta a que serían constitutivos dos delitos de prevaricación, suborno, tráfico de influencias e malversación. Feitos que deixa nas mans da Fiscalía, que admitiu o escrito a trámite. 

Na denuncia engaden o longo historial de delitos que acumula Civis Global, na súa anterior denominación como Movex Vial, como adiantou VIGO dixital. Sinalan tamén á boa relación entre a constructora e o Concello, que lle adxudicou obras por máis de 35 millóns de euros dende 2013.