19:50 h. jueves, 28 de marzo de 2024

NOVO CAPÍTULO NA CONFRONTACIÓN ENTRE CONCELLO E VECIÑANZA

Desafiuzamento municipal: o Concello expulsa a Asociación Veciñal de Teis do Centro Cívico

Redacción | @VigoDixital  |  09 de septiembre de 2014 (17:12 h.)
Foron numerosos os protestos contra a privatización da xestión do centro cívico [Imaxe: TerceraInformación]

Pasado mañá vence o prazo de dez días hábiles que a Concellaría de Participación Cidadá deu ao colectivo veciñal para que abandone a oficina na que atendía a veciñanza e entregue as chaves. A directiva da asociación decidiu non se someter a esa decisión "inxusta".

Dez días hábiles. Ese é o prazo que lle marcou o Concello de Vigo á Asociación Veciñal de Teis para que entregue as chaves e abandone a oficina que mantén o colectivo nas dependencias do Centro Cívico. A directiva da asociación acordou, por unanimidade, non atender ese mandato e manteren a súa oficina de atención veciñal no centro. “O cívico é de Teis” proclaman.

No caso de que o colectivo non abandone a oficina será persoal municipal quen retire toda documentación e material do espazo

A notificación a Concellaría de Participación Cidadá, recibida o pasado día 1, é a xuízo da asociación un “ultimato do Goberno municipal para expulsarnos do Centro Cívico”. O prazo dado polo Concello vence pasado mañá, día 11. A notificación muncipal ameazaba con que no caso de non se retirar da oficina, será persoal do Concello o encargado de recoller a documentación e material que haxa nel. A mecánica sería a mesma que a que se aplica nun desafiuzamento hipotecario, coa excepcionalidade de que neste caso trátase dun despexo dunha entidade sen ánimo de lucro por parte dun concello.

O secretario da entidade, Anxo Igrexas, lembra que a entidade foi a principal promotora desa instalación municipal, participando da súa posta en funcionamento e dinamización desde o inicio. A súa expulsión inscríbese na confrontación que mantén o Goberno local coa entidade a consecuencia das súas posicións críticas e da actividade reivindicativa que mantén. Unha lea de alta intensidade na que o Alcalde chegou a asegurar que a Xunta Directiva da asociación empregaba os 55.000€ dun convenio anual (xustificado e visado diante da propia administración local) para os seus “asuntos particulares”. Declaracións polas que o primeiro edil podería enfrontar unha querela por inxurias e calumnias, tal e como anunciaron desde a directiva veciñal o pasado mes de xullo.

Se ben a decisión municipal considera que a AV de Teis non ten cabida nas instalacións do centro cívico, non sucede o mesmo noutros centros de iguais características. Así no centro cívico do Casco Vello ten a súa sede a asocaición veciñal do barrio, cun espazo de uso exclusivo. O mesmo acontece en Coruxo, onde a entidade veciñal e o cívico partillan espazos.

O conflito pola xestión do Cívico

En opinión de Anxo Igrexas esta nova “agresión” é un capítulo máis dentro do conflito aberto tras a decisión do goberno de Abel Caballero, de non renovar o convenio de colaboración que anualmente (desde 2002) se subscribía coa asociación para que esta asumise a xestión e dinamización do centro. Caballero decidiu suprimir a xestión veciñal dese espazo, que xa mantivo até este ano contra a súa vontade por ser unha condición imposta polo BNG para a aprobación dos orzamentos municipais de 2013, para llo adxudicar a unha empresa concesionaria privada. 

O pacto orzamentario entre PP e PSOE deixou sen partida o convenio que se asinou anualmente desde 2002

Malia que o convenio anterior finalizara o 31 de outubro de 2013, non foi até o 9 de abril deste ano cando o Concello comunicaba por fin a súas intencións, logo de cinco meses de incerteza, nos que a asociación continuou a asumir a xestión do centro. Ese día trasladaban a decisión de non renovar o acordo, o que supuña a fin da primeira experiencia a nivel local dunha instalación municipal xestionada por un colectivo social sen ánimo de lucro. A negativa do Concello foi contestada desde a asociación cunha intensa vaga de mobilizacións veciñais, que contaron cunha participación significativa, coa consigna “O cívico é de Teis” por bandeira.

O reclamo veciñal non foi atendido e o acordo orzamentario subscrito entre Partido Popular e PSOE para os orzamentos deste ano retiraban a partida que en anos anteriores se destinara ao convenio coa AV de Teis. Con todo, a entidade seguiu a manter aberta diariamente a súa oficina de atención á veciñanza que o Concello pretende pechar agora. “Fixémolo grazas ao traballo voluntario e desinteresado” de directivos da asociación, salienta Anxo Igrexas. 

Todo apunta que o que non logrou a retirada de financiamento non o conseguirá tampouco o mandato de desaloxo. A Xunta Directiva da asociación decidiu o pasado venres non ceder ante o que xulgan unha decisión “inxusta” e contraria á participación cidadá, polo que seguirán a manter a súa oficina aberta no centro cívico. Un acordo unánime que visa a disposición da entidade a non dobrar ante un novo agravio municipal.