00:26 h. martes, 23 de abril de 2024

O CONCELLO DESTINARÁ 180.000€

A mobilización veciñal logra arrincarlle ao Concello algunhas melloras para Teis

Redacción | @VigoDixital  |  07 de septiembre de 2014 (10:00 h.)
O Concello finalmente asumirá a reparación dos nichos do cemiterio de Teis [Imaxe: AV Teis]

A reivindicación veciñal no barrio, malia non gozar da simpatía do Goberno municipal, logrou que o Concello asumise algunhas das melloras que levaban anos a demandar. A proximidade das eleccións municipais sería a causa deste cambio de política para mellorar a valoración do executivo nos barrios e parroquias.

 

Após anos de abandono -denunciado polos colectivos sociais- por parte da administración municipal, o Goberno local destinará 180.000€ no populoso barrio de Teis. Semella que os sucesivos protestos veciñais e a proximidade da próxima convocatoria electoral, animaron ao Alcalde a modificar a súa política nun caladeiro de votos que se antolla decisivo para os comicios de maio de 2015.

A nova folla de rota pretendería mellorar a valoración da veciñanza dos barrios e parroquias da cidade, a grande esquecida no último mandato, dado que o groso dos investimentos se concentraron en diferentes ámbitos do casco urbano e singularmente na zona centro. As primeiras emendas do goberno de Caballero van parar precisamente para a súa principal pedra no zapato: Teis. 

O Goberno municipal accedeu finalmente a reparar os nichos do cemiterio en estado ruinoso

Nos últimos meses foron moitos os protestos promovidos pola Asociación Veciñal de Teis ante o abandono do barrio. As continuadas roturas de tubaxes,a parálise e falla de mantemento nas instalacións da antiga ETEA, o abandono de parques e xardíns, o estado das rúas do barrio,  a humanización da Rúa Henrique Lorenzo ou a defensa da xestión veciñal do Centro Cívico de Teis, foron os seus principais cabalos de batalla.

Tamén o foi a demanda de reparación dos nichos do cemiterio da parroquia que ameazaban con derrubarse. A resposta do Goberno local pasara dun si inicial a unha negativa, exixindo que as obras fosen asumidas polos titulares dos nichos. Porén, finalmente a Xunta de  Goberno Local aprobaba recentemente a licitación urxente da súa reparación.

Lea entre Concello e asociación veciñal

Durante os últimos anos as tensións entre o colectivo veciñal e o rexedor local foron constantes. A asociación con case 40 anos de traxectoria e representando a máis de 700 familias asociadas, teimaba en solicitar melloras urxentes. A súa actitude crítica e reivindicativa valeulle a enemistade declarada do Goberno local e do Alcalde. 

O Alcalde podería enfrontar unha querela polas súas 'calumnias' contra a AV de Teis

Nesta polémica inscríbense as declaracións realizadas o pasado mes de xuño por Abel Caballero nunha televisión local [vídeo], nas que afirmaba que os 55.000€ do convenio anual co que se financiaba a xestión veciñal (en vigor desde 2002) do Centro Cívico eran para "asuntos particulares" da Xunta Directiva da entidade. Así respostaba a semanas de mobilizacións continuadas no barrio e varias protestas ás portas do Concello contra a inminente privatización da xestión do Cívico, agora en mans dunha empresa.

Estas acusacións motivaron a presentación por parte da Asociación Veciñal dunha querela contra o rexedor por inxurias e calumnias. A este respecto o secretario da asociación, Anxo Igrexas, reiteraba en declaracións a VIGO dixital a súa indignación. "Non é a primeira vez que o Alcalde fai esas declaracións. Debería de deixar de mentir e dar explicacións sobre os casos de enchufismo ou sobre a Operación Patos, porque os vigueses e viguesas seguimos a descoñecer o motivo dos rexistros en dúas concellarías" afirmou o dirixente veciñal. 

A respecto das insinuacións feitas polo primeiro edil de teren destinado o orzamento do convenio a cuestións "particulares", Igrexas négao de maneira rotunda. "Eses 55.000€ están xustificados céntimo a céntimo na memoria que presentamos ao Concello cada ano" explica.