07:54 h. viernes, 19 de abril de 2024

CONFLITO DA ROTONDA

As obras na rotonda de Coia terán que se paralizar até 2015

Redacción | @VigoDixital  |  21 de diciembre de 2014 (14:22 h.)
Estado das obras na rotonda de Coia (Foto: Ernesto Ilkerman)

O convenio provincial para o sector da construción recolle como días festivos desde o próximo luns, 22 de decembro, até final de ano.  [Vídeo no interior de Roberto Solano]

Os traballos na rotonda de Coia levan paralizados máis de dúas semanas, agás algún pequeno avance que colleu por sorpresa á veciñanza. E seguirán parados até 2015, agás que a empresa adxudicataria, Civis Global, incumpra o convenio provincial para o sector da construción.

O acordo asinado o 18 de decembro de 2013 entre UGT, CIG, CCOO e a asociación de empresarios, recolle como días festivos desde o próximo luns, día 22 de decembro, até o 31 do mesmo mes. Os operarios e a maquinaria terán que agardar a chegada do novo ano para rematar de acondicionar a rotonda. 

Tanto Caballero como Regades insistiron en que a obra se reanudaría “nos próximos días”.

Unha circunstancia que torce os plans do Concello. Tanto o alcalde Abel Caballero como o concelleiro de Fomento, David Regades, insistiron en que a obra se reanudaría “nos próximos días”. 

Caballero mostrouse visibelmente alporizado ao longo da semana, despois de que a presión veciñal vencera o despregue policial, como se pode observar nas súas declaracións en rolda de prensa e na súa palestra en Localia TV.

Mentres as obras na rotonda estiveron paradas, nos astaleiros aceleráronse os traballos de reparación do Bernardo Alfageme durante a semana, que mostra un deterioro evidente.