00:11 h. Lúns, 21 de Agosto de 2017

Vigo Dixital

CONFLITO DA ROTONDA

Ordes directas do Concello obrigaron a seguir adiante a operarios e policías na rotonda de Coia

A empresa e os axentes apostaban por retirarse despois de que a veciñanza paralizara a maquinaria. A presión dende Praza do Rei mantén un amplo dispositivo que leva máis de 24 horas na zona. [Vídeo no interior de GZVideos]

Redacción | @VigoDixital  |  25 de Decembro de 2014 (02:37 h.)
Máis accións:

A veciñanza fronte ao cordón policial (Foto: Roberto Solano)
A veciñanza fronte ao cordón policial (Foto: Roberto Solano)

A tensión polo conflito da rotonda de Coia aumenta con cada episodio. A asemblea veciñal convocara para este martes unha rolda de prensa e un concerto, despois de 19 días de resistencia. Mais o que se presumía como unha xornada tranquila, onde se pretendía unha ‘tregua’ durante as festas, rematou cun novo golpe na mesa do Concello de Vigo.

Dende primeira hora da mañá, axentes da Policía Local estiveron presentes no entorno da rotonda de Castelao. A rolda de prensa decoreiu con normalidade, mentres os axentes ordeaban o tráfico. Ao remate, o propio xefe da Policía Local, Francisco Martínez, falou coa veciñanza para habilitar un terceiro carril na rotonda. 

Cuestión que foi rexeitada tras un acordo na asemblea do día anterior. Unha xuntanza marcada polas descualificacións do goberno municipal cara os veciños e veciñas, que se manifestaran esa mañá no pleno. Un acto de protesta que enfureceu ao alcalde, Abel Caballero, decidido a rematar coa oposición veciñal.

Cara as 15 horas, cando parecía que o día transcorrería sen imprevistos, unhas 14 unidades da Policía Local e do Grupo Operativo de Apoio (GOA) tomaron a rotonda de Castelao. Uns 20 axentes custodiaban no seu interior aos operarios de Civis Global, que portaban o chaleco de mantemento do Concello, e que comezaron a valar a rotonda. Outros tantos policías tomaban posicións fóra.

Calma tensa na rotonda durante a tarde

A reacción da veciñanza foi inmediata logo da chamada de alerta. Preto dun centenar de persoas se fixeron fortes ante o cordón policial. Cando a pala escavadora tentou avanzar cara o lugar das obras, varios opositores cortáronlle o paso. A Policía estirou o cordón para facer retroceder á veciñanza, pero a máquina tivo que dar marcha atrás.

Eran os momentos de maior tensión do día, momento no que un veciño se desplomou. O silencio fíxose na redonda, nunha calma tensa que se mantería toda a xornada. Nun primeiro momento, os seus coñecidos pensaron que se trataba dun ataque de epilepsia, posto que xa tivera varios episodios, pero resultou nun infarto. Foi trasladado finalmente ao hospital Meixoeiro, onde está estable en coidados intensivos, segundo fontes cercanas.

O suceso foi definitivo para a veciñanza, que lle pediu á Policía que retirara o dispositivo. Os operarios non deixaron de traballar nin sequera cando os facultativos do 061 trataban de reanimalo na rotonda. Tras varias discusións e negativas dos axentes a retirarse, os presentes montaron na pala escavadora, que tivo que retirarse da rotonda.

Decenas de persoas se achegaron durante toda a tarde para sumarse á resistencia, deixando en evidencia as afirmacións do goberno municipal, que insiste en que son un grupo reducido. A presión veciñal fixo retroceder o cordón e plantexou as primeiras dúbidas entre os organizadores do dispositivo.

O primeiro en manifestar a súa negativa foi o propio xefe de obra. “Eu négome a continuar”, repetía nervioso ante o xefe da Policía Local, que non se despegou durante horas do teléfono móbil, en contacto co Concello, e que insistía en que había que seguir adiante. Entre os operarios tampouco había vontade de continuar. “Somos uns mandados. Polo menos deixade que movamos o valado para que o miren pola cámara”, asegurou un dos capataces. 

Chegou entón un dos xefes intermedios de Civis Global, empresa que realiza a obra, que presionou aos operarios para reanudar os traballos. Non o conseguiu e tivo que presentarse na obra o propio presidente da empresa, Víctor Manuel Del Canto Álvarez, que recoñecía que non podía facer nada, que él seguía instruccións do Concello.

Tampouco o superior da Policía, Francisco Martínez, que se manifestaba contrariado, inda que culpaba aos manifestantes. Entre os axentes, algúns veciños de Coia, reinaba a sensación de incerteza. Cando sobre as 19 horas deu comezo o concerto, falaban en pequenos grupos, miraban o móbil e facían quendas para ir á unha cafetería cercana. 

Civis Global non trasladará o Alfageme 

Os xefes de Civis Global, á vista do parón na rotonda e da determinación da veciñanza, decidiron retirarse sobre as 20.30 horas. Ante as críticas da veciñanza, que apunta á ilegalidade dos traballos en base ao convenio laboral, os responsábeis da construtora sinalan que se trataba dun “retén de urxencia”. 

Revelaron tamén para este xornal que Civis Global non será a empresa que faga o traslado do Bernardo Alfageme, que a súa actuación remítese á prepararán da rotonda. Engade unha nova incógnita, ante a falta de expediente público, o “oscurantismo” do Concello que denuncia a veciñanza e as sospeitas de irregularidades, como que os operarios portaran os chalecos de mantemento do consistorio.

Durante a madrugada, o dispositivo policial mantívose e ás 5 horas un grupo de 40 axentes invadiron de novo a rotonda, onde resistían unha decena de veciños e veciños, e conseguiron que os operarios colocaran o valado. Malia habilitar o carril, o despregue policial mantívose máis de 24 horas despois do comezo da operación ordenada polo goberno municipal.