01:21 h. Mércores, 20 de Septembro de 2017

Vigo Dixital

BARRIOS

Teis reclama sen éxito máis parques infantís para o barrio

Sinalan que o Concello ignora as súas demandas pese a ter terreos municipais abandonados.

Redacción | @VigoDixital  |  11 de Decembro de 2014 (18:56 h.)
Máis accións:

Terreos abandonados en Teis, que piden usar como parque (Fonte: AVV Teis)
Terreos abandonados en Teis, que piden usar como parque (Fonte: AVV Teis)

A veciñanza de Teis leva anos pedindo máis parques e zonas infantís, ante o número insuficiente de espazos para as crianzas no barrio vigués. Como ocorreu no pasado, a última petición realizada pola Asociación Veciñal de Teis non obtivo resposta por parte do Concello.

Presentaron un escrito o día 15 de setembro ante a concellería de Parques e Xardíns, que depende do concelleiro imputado Ángel Rivas, co que pediron reunirse. O colectivo veciñal propuxo destinar uns terreos municipais, sitos na rúa dos Irmáns Misioneros dos Enfermos Pobres, que se encontran abandonados.

Recordan que o último parque infantil construído en Teis chegou tras numerosas demandas veciñais.

Unha petición similar que xa fixeran en xuño de 2011, recordan, e que tampouco foi considerada polo goberno municipal. Aseguran que o último parque infantil construído en Teis chegou tras numerosas demandas veciñais, e que inda así carece dos espazos necesarios segundo a asociación.

Humanizacións contra a querela

A relación entre a veciñanza de Teis e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, empeorou co transcurso do ano. A decisión do rexedor de retirar o convenio á Asociación Veciñal de Teis, quitándolle desta forma a xestión do centro cívico, encontrouse coa forte oposición do barrio, á que se lle sumou no pleno o BNG. 

Caballero optou polo enfrontamento directo, como acostuma ante calquera mostra de disconformidade. De feito, unhas declaracións do alcalde, que xustificou o recorte acusando aos directivos veciñais de utilizalo para asuntos persoais, remataron de prender os ánimos. A asociación mantén aberta por esta causa unha querela contra o rexedor.

Mais coa proximidade das eleccións municipais, Caballero parece querer reconciliarse co barrio de Teis, que resultou un dos máis beneficiados da recente quenda de humanizacións do goberno local. A parroquia é unha peza importante para as aspiracións socialistas, onde xa se deixaron dúas alcaldías no pasado.