00:10 h. viernes, 19 de abril de 2024

POLÉMICA VECIÑAL

A veciñanza de Coia revólvese contra a instalación do Bernardo Alfageme na rotonda

Redacción | @VigoDixital  |  02 de diciembre de 2014 (13:49 h.)
Bernardo Alfageme [Imaxe: barcosdegalicia.blogspot.com]

Convocan unha asemblea aberta para organizar a súa oposición á decisión unilateral do Alcalde

A polémica acompañou desde un inicio o retiro definitivo do “Bernardo Alfageme”, o barco pesqueiro de grande altura que ten a singularidade de ser o único buque que se conserva dos construído na primeira metade do século XX. Foi botado por Barreras en 1944. É patrimonio municipal desde hai trece anos logo de ser doado naquel momento pola empresa que era propietaria. 

A súa instalación na rotonda custará o mesmo que convertelo en museo flotante

Agora a veciñanza do barrio de Coia comeza a ser revolver contra a decisión do Goberno municipal de instalar o buque, de 27 metros de eslora, na rotonda da Avenida de Castelao. O plan inicial era expoñelo no peirao do Museo do Mar. Porén, logo de que en 2008 se lle encomendase ao Colexio de Enxeñeiros Navais a elaboración do proxecto para o converter nun museo flotante, o proxecto non chegou a se concretar. O principal obstáculo daquela era o elevado custe dos traballos necesarios, que atinxían os 300.000€. Paradoxalmente a mesma contía que se estima suporá a instalación do buque na rotonda de Castelao, reducíndoo a un elemento puramente ornamental e renunciando á función divulgativa que podería desempeñar.

A decisión de Caballero desoe ademais o mandato do pleno, que cos votos do BNG e do PP, acordaba o pasado 27 de outubro iniciar negociacións coa Consellaría de Cultura para facer viábel a súa instalación no Museo do Mar. O movemento social que se opón a que o Alfageme aporte na rotonda convocou unha asemblea aberta para mañá, cuarta feira día 3, ás 19:00h nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria