11:31 h. viernes, 29 de marzo de 2024

CIDADE CON HISTORIA

O primeiro plano de Vigo é de hai 418 anos

Eduardo Rodríguez Saíz | Historiador e arqueólogo  |  01 de febrero de 2015 (18:04 h.)

O investigador Eduardo Rodríguez pescuda desta volta no primeiro plano da nosa cidade do que se ten referencia histórica. Datado en 1597.

No Arquivo de Simancas consérvase o que ten a honra de seren, ata o día de hoxe, o plano máis antigo da cidade de Vigo (podedes descargalo aquí). Trátase dunha vista da vila datada en 1597 atribuída a Leonardo Turriano, enxeñeiro de orixe italiano e prototipo de home do Renacemento, que tras ser Enxeñeiro Maior no Reino de Portugal chega á corte de Felipe II.

Un dos seus encargos será recoñecer o estado das defensas da Coroa de Castela e propoñer posibles melloras. Deste xeito, realiza visitas as súas diferentes posesións para informar sobre as capacidades defensivas das vilas: presenza ou non de murallas, estado das mesmas, existencia de artillería, etc.

Neste plano do Vigo de finais do XVI apreciamos unha estrutura urbana de carácter medieval, cunha disposición paralela ao mar, aínda sen amurallar e con edificios e algunha rúa recoñecibles para o espectador actual. Nas anotacións que acompañan ao plano, o autor alude a dúas edificacións relixiosas: a capela de Santa María do Castro (conservada ata os anos 60 do século XX no interior da fortaleza do Castro de Vigo), e o convento de Santa Marta, á dereita do núcleo urbano, nun promontorio rochoso sobre o mar.

Porén, adivíñase a presenza dalgunha construción relixiosa máis, como o maxestoso templo gótico de Santa María, predecesor da actual Colexiata, no corazón do núcleo urbano. Ou o convento de Santa María dos Remedios, que con toda probabilidade sexa a edificación que Turriano grafía á esquerda do conglomerado de casas dun xeito illado, nunha zona que hoxe se corresponde co entorno da rúa Areal.

Ámbolos dous edificios sufriran nove anos antes serios danos polo ataque do corsario inglés Drake. Nun documento de agosto de 1589, no que se fai balance da destrutiva chegada do “...atrevido corsario luterano Francisco Draque...”, se fala de que “...se hallo la Yglesia Colegial de la dicha billa toda hella quemada y abrasada, ansi todo el tejado como el coro y asyento de horganos y puertas, y los altares deshechos y quebrantadas las piedras dellos, quemados y rotos y quebrados los sanctos y y ymagenes y rotos los pulpitos, llebadas y quemadas las rexas de los pulpitos y capillas, llebados los horganos que heran de mucho balor y todas las canpanas y el relox y parte de los hornamentos que abia...”. Ou no caso do convento de monxas de Santa María dos Remedios “... se bisito el monesterio de las monjas desta billa de Nuestra Señora de los Remedios, quemadas todas las casas, asiento y bibienda de las dichas monjas, que solo quedo por quemar la capilla donde se dezia misa pero todo lo demas se quemo y abraso por los dichos luteranos...”. En todo caso, semella que unha década despois ambas edificacións están en pé, pese a que o detalle do plano non permite avaliar o seu estado de conservación.

Diante da igrexa de Santa María ábrese unha praza (actual praza da Igrexa), dende a que parte unha rúa, a vella rúa da Faixa (actual Real) que desemboca no Berbés. Ao norte de Santa María, aparece unha gran praza que se corresponde coa actual Praza da Constitución.

Turriano non mostra excesivo afán en buscar o detalle xa que a finalidade do plano é unicamente militar. Coñecía cal era o seu cometido, e cumpriuno sen maiores pretensións. Así, reproduce fielmente a sinuosidade da liña costeira, engadindo medidas expresadas en pasos, e nunha nota alude a que “...en esta villa de vigo ay qince pieÇas de hyerro labrado son perdidas que no tienen ningun adreÇo ni ellas valen nada...” .

Varias décadas despois, entre 1656 e 1665, acométense os traballos de fortificación da vila, coas murallas defensivas e os castelos de San Sebastián e Santa María do Castro. Fartos das incursións de piratas ingleses, piratas do norte de África ou do exército portugués, baixo o reinado de Felipe IV fortifícase a vila de Vigo, modificando unha fisionomía urbana de raíces medievais. Dende finais do XVII, Vigo aparece dividida entre un núcleo amurallado ben definido e varios arrabaldes extramuros (Areal, Salgueiral, Berbés, Falperra,...), ata que a finais do século XIX a expansión urbana e económica da cidade obrigue a derruír as vellas murallas.