22:06 h. Domingo, 22 de Outubro de 2017

Vigo Dixital

CIDADE POR COÑECER

Igrexa románica de Castrelos

Encetamos outubro propoñéndovos achegarvos até a parroquia de Castrelos para coñecerdes unha das xoias do románico da nosa cidade: a Igrexa de Santa María.

Xosé Couñago | Patrimonio Cultural de Vigo  |  04 de Outubro de 2014 (00:47 h.)
Más acciones:

Localización

Na parroquia de Castrelos, moi preto do pazo Quiñones de León, está localizada esta xoia do románico rural galego.

As nosas igrexas románicas (finais do XII, principios do XIII) son as grandes esquecidas do patrimonio arquitectónico máis antigo que ten Vigo. Bótase de menos visitas escolares guiadas, unidades didácticas específicas, un percorrido divulgado…

Castrelos é unha exuberancia de portas e xanelas fermosamente ornamentadas, con arquivoltas floreadas e xadrezados de luces e sombras para recrearse nos tons rubios das súa pedra mentres o sol se deita por detrás das Cíes, contemplado dende o seu adro.

O peor en Castrelos é o estado da súa cabeceira. Situado mesmo encima da estrada, a súa forma circular intérnase perigosamente no asfaltado, sen beirarrúa nin protección ningunha. A parede está chea de rozaduras e calquera día un camión ou outro vehículo pode deixarnos para sempre sen algúns dos seus singulares óculos (por certo, hai outra igrexa -Gargantáns- que ten unha cabeceira moi semellante)

De cando é? 

Contamos cunha inscrición no interior da igrexa, á esquerda do arco triunfal da cabeceira: “A A A … ERA:M:CC:L …A … IIII QT ID…”, que pode facer referencia a un posible 1254, que se correspondería co ano 1216 (como saberedes, hai que restar 38 anos).

Nave: ten unha soa nave, rematada nunha cabeceira máis estreita. A cuberta é de armadura de madeira. O arco triunfal é apuntado, con decoración hexafolia, e capiteis vexetais. No interior tamén destacan as dúas xanelas da parede norte, que por fóra son simples seteiras, mais que por dentro están construídas con toda a decoración que admiramos nas xanelas exteriores da fachada sur: cinco filas de tacos e motivos vexetais coma nas exteriores. A xanela de arco de medio punto da fachada occidental tamén se desenvolve cara ao interior da mesma maneira.

Pinturas: a parede norte está pintada todo ao longo con frescos medievais que fan referencia á vida de Xesús,dende o seu nacemento e presentación aos reis, ata o seu enxalzamento e glorificación no ceo. Son verdadeiramente fermosas en policromía e formas, nestas pinturas combínase perfectamente a función didáctica coa artística.

Ábsida: é semicircular e ten tres óculos moi decorados: chambrá con cinco fileiras de tacos, arcos peraltados que comunican co seu interior na que hai unha entrada de luz en forma de cruz con catro lóbulos adornados entre si con hexafolios. Este preciosismo decorativo dos óculos dáse tanto por dentro coma por fóra da igrexa, e dados os escasos exemplos existentes en Galicia, non deixedes de analizalos e observalos con detemento. Sobre o teito da ábsida hai unha cruz medieval de catro brazos iguais sobre unha figura dobre de animal.

Fachada norte: ten unha porta románica, xa con apuntamento, e dúas pequenas entradas de luz en forma de seteira, sen decoración, mais que se vos fixades polo interior da igrexa están completamente desenvolvidas e decoradas cara a dentro. (En cambio, observaredes o efecto contrario nas xanelas da fachada sur: por fóra están moi decoradas e por dentro son simples seteiras.)

Os canzorros son de decoración xeometrizante, sacado dous que representan unha cabeza de vaca e un motivo floral.

Porta norte: presenta arco apuntado, chambrá de tres ringleiras, dúas arquivoltas decoradas con hexapétalas, tímpano con cruz grega nun círculo (observade como o elemento circular está moi presente na decoración de toda a igrexa) acompañada de flores; as mochetas que soportan o tímpano teñen elementos vexetais, ao igual ca os capiteis da columnas;

Fachada sur: a máis espectacular das tres fachadas. Presenta dúas enormes xanelas acompañando unha porta tamén de gran tamaño. Xanelas: chambrá con cinco filas de tacos (a porta norte só ten tres fileiras), un dos tímpanos decorado con cruz grega e o outro con dúas hexapétalas; este mesmo motivo das hexapétalas decora o interior das xanelas en vertical. A decoración vexetal, en diversas expresións (talos dos tímpanos, follas picudas dos capiteis, hexapétalas das arquivoltas …), é a preponderante en toda a igrexa. Porta sur: ao igual ca a do norte, ten tres ringleiras de tacos (as xanelas teñen cinco fileiras), o arco apuntado (o único arco non apuntado que hai na igrexa é o da xanela da fachada occidental, que é de medio punto, todos os demais desta igrexa son apuntado, propio do románico de transición); as arquivolta están decoradas con hexapétalas e molduras lisas e boceladas; tímpano con cruz grega e talos de flores; capiteis vexetais, bases das columnas con poutas.

Fachada occidental: presenta a porta principal e xanela encima, non deixedes de apreciar as marcas de canteiros repartidas pola parede. Un chisco á esquerda da xanela hai un curioso gravado nun dos perpiaños, un símbolo claramente castrexo, que nos fala de cómo os nosos canteiros non perderan de vista nin descoñecían a tradición decorativa anterior. Estamos ao lado dun castro (tal como o topónimo indica) enaquel entón os restos das vivendas debían ser máis evidentes ca na actualidade e mesmo a relación material e inmaterial que a xente mantiña coa cultura inmediatamente anterior que os seus devanceiros viviran. Gustaríanos atopar un estudo que analizase os elementos decorativos que se transmitiron dende esta remota antigüidade ata a actualidade a través dos nosos canteiros ao longo da historia. Para ampliar algo máis a cuestión destas esvásticas de tipo Santo Estevo de Miño, déixovos aquí esta imaxe.

Porta occidental. Arco apuntado e chambrá de tres filas de tacos coma as outras dúas portas. As arquivoltas están de coradas con hexapétalas formando un conxunto exuberante. O tímpano presenta a cruz grega que xa vimos nos outros, con decoración floral de talos. Os capiteis tamén son vexetais e as bases amosan unha decoración de poutas coma a porta sur.

xanela é a única que non ten arco apuntado, senón de medio punto, e ofrécenos a característica decoración vexetal presente en toda esta igrexa. No seu tímpano podemos ver tamén unha cruz grega. Chama a atención a convivencia nesta igrexa de expresións románicas de medio punto con protogóticas de arco apuntado; aquí apréciase en toda a súa dimensión este románico de transición que se estaba dando en Galicia naquel momento e que os nosos mestres canteiros non deixaron de reflectir.

Máis información

Galería de imaxes desta igrexa románica.

FRANCISCO JAVIER OCAÑA EIROAItinerario polas igrexas románicas de Vigo

Sobre os investimentos e intervencións futuras nesta igrexa podedes ver o seguinte artigo do Faro de Vigo.

Navegadores GPS

Tamén podedes ver a Ruta románica de Vigo e descargala no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programaPoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

A cultura é patrimonio de todos.

 
 

[Texto e imaxes publicados con autorización do autor baixo licenza cc by-nc-nd]