00:00 h. miércoles, 24 de abril de 2024

O ANO EN FOTOS

12 imaxes do 2014 que remata en Vigo

Redacción | @VigoDixital  |  31 de diciembre de 2014 (13:24 h.)

2014 chega ao seu fin. Un ano intenso para a nosa cidade, marcado novamente por unha apretada axenda mobilizadora. Repasamos o que deu de si o ano que conclúe cunha selección de doce imaxes.

Xaneiro: Contra os desafiuzamentos

Con seguridade a primeira protesta do ano. A PAH de Vigo concentrábase na Praza do Rei para exixiren ao Concello de Vigo unha solución para Analía, que enfrontaba un desafiuzamento. [Imaxe: PAH]

 

Febreiro: A sombra de corrupción na Praza do Rei

No marco da operación "Patos" contra a corrupción nos concellos, a policía rexistraba as dependencias de varios departamentos municipais en Vigo, entre elas os despachos dos concelleiros Ángel Rivas e David Regades. Este mesmo ano Rivas resultaría imputado acusado de prevaricación. [Imaxe: Felipe Carnotto]

 

Marzo: O cerco revólvese

Os mariñeiros da flota do cerco deixaron constancia da súa desesperada protesta nas rúas da cidade. [Imaxe: Roberto Solano]

 

Abril: Clamor social polo indulto a David Reboredo

A loita social polo indulto de David Reboredo logrou unir a numerosas organizacións sociais, políticas e sindicais. Reboredo e a súa familia receberon o apoio da cidadanía e das institucións. [Imaxe: Aequistres]

 

Maio: Bucinas contra a estafa das preferentes

As persoas afectadas pola estafa das preferentes puxeron durante todo o ano a banda sonora nas rúas do centro da cidade. Sonadas pitadas e bucinazos impediron que o seu drama ficase no esquecemento. [Imaxe: Roberto Solano]

 

Xuño: O colapso nos servizos sociais faise evidente

A tramitación das chamadas "axudas extraordinarias para familias" visaron como nunca o colapso dos servizos sociais municipais. As longas ringleiras e a demora na tramitación provocaron enérxicas críticas e mobilizacións sociais. 

 

Xullo: Pola readmisión de Paco e  David

O despedimento dos traballadores Paco e David na factoría de PSA deu lugar a unha enorme demostración de solidariedade. Concentracións diarias, varias manifestacións e unha longa folga de fame por quendas insistiron en reclamar a súa reincorporación. [Imaxe: CIG]

 

Agosto: Espectáculo con nome de marisco

O Marisquiño consolidouse máis un ano como un festival de referencia, deixando imaxes tan impactantes coma esta.

 

Setembro: Abaixo a Cruz do Castro!

A decisión do goberno Caballero de non acatar a sentenza xudicial que obrigaba a retirar a Cruz fascista do Castro reavivou o movemento social que reclama a retirada definitiva de toda a simboloxía fascista na cidade. [Imaxe: CIG]

 

Outubro: Vigo asólagase

O paso do temporal Margit asolagou boa parte da cidade, deixando notar os seus efectos na zona centro mais tamén nas inmediacións do Estadio de Balaídos. [Imaxe: @ititon]

 

Novembro: Un atraco acaba en traxedia

O atraco dunha oficina bancaria no Calvario que custou a vida a unha axente de policía e feriu de gravidade a outro, enloiteceu a cidade e abriu o debate arredor da necesidade de portar chaleques antibalas.

 

Decembro: #NonAoBarcoNaRotonda

O 2014 remata como empezou, con protestas cidadás. A decisión de Abel Caballero de instalar o barco Bernardo Alfageme na rotonda da Avenida de Castelao, contra o criterio da maioría do Pleno, topou cunha activa oposición entre a veciñanza de Coia que logrou paralizar por varias semanas as obras, enfurecendo ao rexedor. [Imaxe: Roberto Solano]