Admitida a trámite a demanda de concliación presentada pola Asociación Veciñal de Teis contra o Alcalde previa á interposición dunha querela por inxurias e calunmias.
A demanda promovida pola Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Teis contra o Alcalde foi admitida a trámite polo xulgado. O colectivo veciñal acudiu aos tribunais para demandar un acto de conciliación, previo á interposición dunha querela por inxurias e calumnias contra o rexedor.
O secretario xudicial xa comunicou ás partes, tanto a demandante como ao demandando, que están citadas a comparecer o próximo 8 de outubro a partir das 10h. Na cédula de citación emitida con data de 8 de setembro, á que tivo acceso VIGO dixital, recóllese expresamente a obrigatoriedade desa comparecencia.
Caballero asegurou nunha televisión local que a directiva da asociación demandaba os 55.000€ do convenio do Centro Cívico para "asuntos particulares"
O pretenso da asociación veciñal é forzar a que Abel Caballero exprese unha rectificación formal e pública das graves acusacións que lanzou contra a directiva do colectivo. O pasado 16 de xuño o primeiro edil aseguraba nun programa de televisión local que os demandantes querían destinar a “asuntos particulares” os 55.000€ do convenio anual que, desde 2002 até o ano pasado, se asinaba entre Concello e asociación para a que esta última asumise a xestión e dinamización do Centro Cívico. “Quieren que les regalemos 55.000 euros para ellos, para su asunto particular” chegou a afirmar literalmente o primeiro edil.
As palabras do Alcalde eran a súa reacción perante a intensa vaga de mobilizacións coas que a veciñanza do barrio de Teis reclamaba o mantemento dese convenio para impediren a privatización da xestión do cívico. Privatización que finalmente se produciu, logo do pacto orzamentario ao que chegaron PP e PSOE este ano e no que ficou excluída a partida económica para o convenio.
Pena de prisión e multas
No caso, probábel, de que o acto de conciliación non teña resultado, a asociación promovería unha querela criminal contra o Alcalde por inxurias e calumnias. Fontes da Xunta Directiva consultadas por este xornal confirmaron a intención de levar a súa reclamación até o final, se ben ficaría pendente de se ratificar nunha xuntanza da dirección.
A querela enfrontaría ao rexedor a unha posíbel pena de prisión, de seis meses a dous anos, ou multa de seis a vintecatro meses (polo delito de calumnias graves con publicidade) á que podería engadirse unha multa adicional de 6 a 14 meses (por inxurias).