21:00 h. viernes, 19 de abril de 2024

CONFLITO DA ROTONDA

Admitida a trámite a denuncia contra o Concello e Civis Global pola obra na rotonda de Coia

Redacción | @VigoDixital  |  03 de enero de 2015 (16:47 h.)
A veciñanza concentrouse desde primeira hora da mañá na rotonda [Imaxe: Roberto Solano]

A Fiscalía abriu dilixencias de investigación penal polos posíbeis delitos de prevaricación, suborno, tráfico de influencias e malversación de fondos públicos.

Primeiro episodio de 2015 no conflito veciñal en Coia. A Fiscalía admitiu a trámite a denuncia contra o Concello de Vigo e a construtora Civis Global por presuntas irregularidades na adxudicación da obra para instalar o Bernardo Alfageme na rotonda de Castelao. 

Queda por determinar se o alcalde Abel Caballero, o concelleiro de Fomento, David Regades, e os representantes legais de Civis Global, son chamados a declarar, como pediu a veciñanza na denuncia.

A Asemblea Veciñal de Coia presentara a denuncia o pasado 16 de decembro, despois de días de resistencia e ante a opacidade do proxecto. “A denuncia insiste no incumpremento do Concello de Vigo do procedementos e trámites legais esixidos ante unha obra destas características. Non existe información económica nin se ten aberto procedemento de adxudicación”, sinalan en nota de prensa.

A Fiscalía abriu unha investigación penal polos posíbeis delitos prevaricación, suborno, tráfico de influencias e malversación de fondos públicos. A finais do presente mes de xaneiro, comezaran as primeiras declaracións, tamén recollidas nas dilixencias. Queda por determinar se o alcalde Abel Caballero, o concelleiro de Fomento, David Regades, e os representantes legais de Civis Global, son chamados a declarar, como pediu a veciñanza na denuncia.

Permanente vixianza policial

Dende o pasado 25 de decembro, cando un amplo dispositivo policial conseguiu valar de madrugada a rotonda, a presenza de axentes locais, habitualmente en parellas, é permanente no lugar, segundo advirten as veciñas.  

O dispositivo veu acompañado das primeiras multas. É o caso dun veciño de Coia, que vive préto da redonda de Castelao, que foi multado por pitar dende o seu vehículo o pasado 15 de decembro en sinal de apoio aos concentrados, algo habitual entre os opositores á obra do Concello. O importe da sanción é de 45€ e non descartan máis casos.

Caballero desoe ao pleno

A Asemblea de Coia apunta tamén no escrito que o Bernardo Alfageme, un barco histórico de 27 metros de eslora, foi cedido para fins culturais e que instalalo na rotonda incumpre as condicións para obter a súa titularidade. 

Un novo frente para Abel Caballero, que insiste en rematar a obra. No último pleno do ano, aprobouse unha moción do BNG para que se repoña a xardinería. Mais o alcalde xa manifestou que non pensa ceder, malia que por segunda vez a maioría do pleno trasladou a súa oposición á obra.