11:48 h. jueves, 25 de abril de 2024

PRIMEIRA REACCIÓNS TRAS A IMPUTACIÓN DO CONCELLEIRO

O Alcalde evita fotografarse con Rivas a quen polo momento mantén no Goberno local

Redacción | @VigoDixital  |  16 de septiembre de 2014 (15:19 h.)

O BNG reclámalle a Caballero que "dea a cara" e asuma "responsabilidades políticas". O PP cré necesario que se dean explicacións mais está diposto a agardar a resolución xudicial da causa.

Esta mañá compareceu diante dos medios de comunicación o concelleiro Ángel Rivas, do que onte se coñecía a súa imputación por un presunto delito de prevaricación administrativa. Unha causa xudicial con base no feito de que a empresa construtora da que foi xerente, até xuño de 2012, o edil fose subcontratada para varias humanizacións do Concello. Rivas compareceu acompañado polo segundo tenente de Alcalde, Carlos López Font. Desta maneira o Alcalde da cidade, Abel Caballero, evitaba fotografarse cun concelleiro imputado, ao que todo indica vai manter no cargo.

Rivas, que non admitiu preguntas dos e das xornalistas, limitouse a dar lectura dun comunicado no que insistiu na súa inocencia e remitía toda explicación ao respecto á súa comparecencia diante do xulgado número 1, prevista para o vindeiro mes de outubro. Pola súa banda Font avalaba ao seu colega na Xunta de Goberno Local, salientando a “rectitude” da súa práctica política e institucional. 

O BNG exixe que o Alcalde asuma responsabilidades políticas

O BNG reaccionou ante a imputación de Rivas demandándolle a Caballero a asunción de “responsabilidades políticas”, ao entender que o encausamento xudicial do concelleiro socialista pon en cuestión a xestión do seu goberno e as “decisións que se toman sobre os recursos públicos” da cidade. 

Iolanda Veloso cré que ante unha imputación a saída ten que ser a demisión.

A voceira nacionalista, Iolanda Veloso, afirmou que para o seu grupo era “fundamental” que o Alcalde “saíse a dar cara”. En troca, denunciou que o primeiro edil “segue sen dicir nada”. “Caballero escóndese, non da a cara nin explicacións” enfatizou.

O Bloque cré que o encausamento debe provocar a dimisión de Ángel Rivas. Preguntada a este respecto, Veloso sinalou que “o BNG ten moi claro como se actúa diante dun caso de imputación. Temos moi claro que o que corresponde a unha imputación é a demisión e sempre o facemos así”.

O PP opta por agardar á resolución xudicial

O Partido Popular tamén expresaba esta mañá o seu parecer. A través do seu voceiro, José Manuel Figueroa, os populares xulgaron como un feito “grave” a imputación de Rivas e defenderon que a cidadanía viguesa “merece unha explicación”. Con todo, Figueroa mostrouse disposto a agardar o ditame da xustiza. 

Desde o PP evitaron pronunciarse abertamente sobre se a imputación debera motivar o cesamento ou demisión do edil encausado, remitindo esa decisión ao Goberno municipal. Esta posición tibia contrasta coa dureza das acusación lanzadas atrás polo propio Figueroa contra Ángel Rivas, de quen chegou a asegurar que se estaba a “beneficiar” das humanizacións. Un cambio de posición que se produce após o pacto orzamentario asinado entre PP e PSOE. A este respecto o líder dos populares de Vigo confirmou que seguirán a manter unha boa relación co goberno socialista da cidade. 

EU súmase a petición de demisión

A través dun comunicado Esquerda Unida tamén reclamou a inmeditada demisión do concelleiro imputado. O seu coordenador local, Rubén Pérez, cualificou de "infame" o silenzo do Alcalde sobre un asunto que xulga de máxima gravidade. EU propón ademais que o Pleno constitúa unha comisión especial de investigación sobre os contratos relacionados coa imputación e os investigados na operación Patos.