00:27 h. miércoles, 24 de abril de 2024

POLÉMICA VECIÑAL

O Alcalde minte sobre o acordado en 2005 a respecto do Bernardo Alfageme

Redacción | @VigoDixital  |  19 de diciembre de 2014 (06:51 h.)
Abel Caballero e Corina Porro [Imaxe: Vigo.org]

Non existiu pacto entre BNG e PP para instalar en terra o buque como asegura Caballero. A decisión foi adoptada en solitario polo Goberno de Corina Porro.

Enfurecido diante da resistencia veciñal que por espazo de dúas semanas logrou paralizar as obras para instalar o Bernardo Alfageme na rotonda da Avenida de Castelao, o Alcalde ademais de insistir en descualificar a oposición social no barrio de Coia pasou á ofensiva cargando contra PP e, sobre todo, contra o BNG.

De “senvergoñería política” e de “escandalosa desfachatez” chegou a definir o rexedor o apoio que o grupo nacionalista brindou desde o inicio aos protestos veciñais. Abel Caballero botou man da hemeroteca para tentar demostrar o que na súa opinión é unha viraxe oportunista e “cínica” do Bloque. Desta maneira nunha comparecencia pública fixo referencia a dous acordos do ano 2005. Un adoptado polo pleno na súa sesión do  25 de abril dese ano e o outro tomado pola Xunta de  Goberno Local o 6 de xuño.

A tese defendida polo Alcalde é que BNG e PP “pactaran” hai 9 anos facer “exactamente o mesmo” que promove o seu goberno: recuperar o buque para o trasladar e instalar en terra. Mais as actas [que pode consultar ao pé desta información] do pleno e máis da Xunta de Goberno das xuntanzas referidas desmenten a Caballero. Tal pacto nunca existiu.

Modificación de crédito

O Pleno do 25 de abril de 2005 abordou unha proposta do Goberno Local, daquela presidido pola popular Corina Porro, de modificación de crédito por valor de case 12 millóns de euros. Este mecanismo supuña incorporar esa importante cantidade de recursos botando man dos remanentes existentes nas arcas do Concello, como partidas adicionais aos orzamentos municipais en vigor. Nesa proposta de modificación incluíanse 40 aplicacións concretas, estabelecendo para cada finalidade unha partida económicas. Entre elas figuraba unha (con referencia 4531.2140000) denominada “Recuperación “Bernardo Alfageme” por importe de 275.000€

O Pleno acordou cos votos do PP, BNG e PG habilitar unha partida de 275.000€ para recuperar o buque

No debate o Goberno de Porro, en minoría no Pleno con só 12 edís, non lograba o apoio dos demais grupos (BNG, PSOE e PG), e a súa proposta de modificación de crédito era rexeitada. Só dúas partidas lograron a maioría necesaria para prosperaren. Unha destinada ao Auditorio, por importe de 1.556.779,03€, grazas aos votos de PP, PSOE e PG. E a referida á recuperación do Alfageme, nese caso co aval de PP, PG e BNG. 

Urxencia diante do risco de afundimento

Durante a sesión plenaria ningún grupo puxo en cuestión a necesidade de estabelecer unha partida económica, tampouco o PSOE, para facer fronte a recuperación do buque que rexistraba un grave deterioro que ameazaba con provocar o seu afundimento. Risco ao que se fan varias referencias en diferentes intervencións, tal e como recolle a acta da sesión, salientando que de se producir o reflote suporía aumentar o custo da recuperación por valor de como mínimo “vinte millóns de pesetas” (120.000€) máis. O buque era patrimonio municipal e nese momento non existía colaboración por parte de ningunha outra administración para o seu mantemento, e eran moitas as voces que exixían que se evitase o seu afundimento, como a Federación de Patrimonio Marítimo Fluvial. 

Ningún gurpo cuestionou a necesidade de orzamento para evitar o afundimento do barco, que estaba moi deteriorado

Nese sentido a negativa do grupo socialista estaba unicamente fundamentada na ausencia dun “expediente especifico e xustificado respecto a suposta necesidade dunha modificación en relación con ese gasto”, tal e como expresou a súa voceira naquel momento, a concelleira María Luísa Graña Barcia. Cómpre ter en conta que o debate prodúcese en precampaña das eleccións autonómicas de 2005, que terían lugar o 19 de xuño e que provocaron a saída do PP do executivo galego.Un clima que condicionou todo o debate plenario.

Decisión sobre instalalo en terra

Segundo Caballero PP e BNG acordaron cos seus votos recuperar o barco para instalalo en terra. Unha afirmación que se demostra falsa, dado que o acordo plenario ao que se fai referencia unicamente habilitaba unha partida económica para facer fronte aos custes dos traballos. Entón, quen toma  a decisión de aterrar o Alfageme en 2005? Foi a Xunta de Goberno Local, que nesa altura só estaba conformada por concelleiros e concelleiras do Partido Popular. Ese organismo, do que só fai parte o grupo de goberno (que como xa se sinalou era o de Corina Porro), aproba o expediente para a “rehabilitación do buque de propiedade municipal Bernardo Alfageme” (expediente 2892/307), na súa reunión do 6 de xuño de 2005. 42 días despois de que o Pleno aprobase a partida económica.

A decisión de rehabilitalo para o instalar en terra en 2005 foi tomada polo Goberno do PP en solitario

Nesa xuntanza a Xunta de Goberno aproba a proposta recollida nun informe asinado polo xefe de patrimonio histórico no que entre outros se recolle a  “rehabilitación do buque de propiedade municipal Bernardo Alfageme e do seu traslado e instalación no lugar que finalmente se designe nun espazo público en terra próximo ó litoral”, mais ao tempo estabelece que “a rehabilitación non deberá pechar a posibilidade de novas actuacións que permitan no futuro, canto menos, a reconstrución do interior do barco para visitas públicas”, e obriga a conservar o seu motor orixinal.

A proposta técnica de que facer co buque está datada un mes despois da votación no Pleno

O informe que fundamenta o acordo sobre o aterramento do Alfageme, que se presenta publicamente como provisorio para evitar que se siga degradando, está datado a 31 de maio de 2005, case un mes despois da votación plenaria. Feito que demostra que non existiu acordo entre o BNG e o PP ao respecto, como asegurou Caballero, e que a decisión foi adoptada en solitario polo goberno popular. 

 

Documentos


ACTA PLENO DO EXCMO. CONCELLO DE VIGO - 25 DE ABRIL DE 2005 [Ver desde páx. 49 a páx. 72)

 

ACTA DA XUNTA DE GOBERNO LOCAL Sesión do 6 de xuño de 2005 [Ver páxs. 37 e 38]