19:50 h. jueves, 28 de marzo de 2024

ASEMBLEA ABERTA

O BNG convoca unha asemblea aberta para converter a reivindicación en compromiso polo cambio para Vigo

Redacción | @VigoDixital  |  18 de septiembre de 2014 (17:09 h.)

Convoca unha asemblea aberta na cidade para o vindeiro 24 de setembro

Coa ollada posta nas eleccións municipais de 2015 e dentro do proceso nacional “construíndo futuro”, o BNG de Vigo realizará unha asemblea aberta o próximo día 24 de setembro. O obxectivo desta convocatoria, que foi presentada hoxe en rolda de prensa é “escoitar e dar voz a toda a cidadanía indignada que queira comprometerse coa transformación da sociedade”. 

Un formato a priori sen as rixideces formais doutras convocatorias e no que se quere centrar o protagonismo nas persoas que simpatizan, ou nalgún momento simpatizaron, coas posicións do Bloque. Trátase segundo afirmaron dun acto para escoitar “de maneira activa” o sentir da base social, na liña de reforzaren a alternativa política “nacionalista e de esquerdas” para Vigo.

O Bloque aspira a incorporar como parte activa da súa proposta política de cambio para a cidade a todas persoas que se revolven contra as políticas de recorte. Neste sentido desde a organización local nacionalista iniciaron o pasado 1 de setembro unha rolda de contactos  con persoas “que nalgún momento tiveron algunha relación co BNG” e que participan en diversos movementos sociais. 

Sen calendario para a  confección da candidatura

En resposta sobre o proceso interno de confección de candidaturas para os comicios municipais, o responsábel local do BNG, Henrique Vieitez, explicou que inda “non está marcado”, ficando á espera da decisión que adopte o Consello Nacional do Bloque, que se reunirá previsibelmente a partir da primeira semana de outubro.