15:15 h. sábado, 20 de abril de 2024

Caballero decreta o mantemento do Jonathan en Samil por 25 anos máis

Redacción | @VigoDixital  |  03 de septiembre de 2014 (20:04 h.)
jonathan

O Alcalde záfase da súa minoría no Pleno aprobando unha nova concensión en Xunta de Goberno Local. A decisión inviabiliza os plans de rexeneración do areal vigués, que sofre unha perda continua de superficie polo soterramento das dunas sobre o paseo

 

A Xunta de Goberno local aprobou onte en segredo a concesión do Jonathan de Samil para os próximos 25 anos. Caballero conseguiu así sortear a forte oposición da veciñanza viguesa e do Pleno municipal, no que o grupo socialista é minoría, onde mañá estaba previsto o debate dunha moción do PP para negociar os termos da adxudicación. O BNG xa expresara o seu frontal rexeitamento pedindo a súa demolición.

A decisión do Goberno municipal non conta co apoio da maioría do Pleno

Mais o Goberno municipal deixou sen efecto as peticións de consenso para o futuro de Samil. A ampliación da concesión supón o retraso dos dous plans de recuperación do sistema dunar da praia: o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, executado nunha parte mínima, e un plan de reforma integral do Ministerio de Medio Ambiente, por valor de 17 millóns de euros, pendente de desbloquear.

A concesión foi outorgada á empresa Urogallo Capital, propietaria do pub Irish Sharp de Rosalía de Castro. Está previsto que a obra de reforma, na que a adxudicataria investirá case millón e medio de euros, finalice a mediados do vindeiro ano. O canon anual que pagará Urogallo Capital ascende a 40.000 euros. A decisión foi defendida pola primeira Tenente de alcalde, Carmela Silva, quen sorprendentemente afirmou que a renovación da concesión é “compatíbel” coa recuperación das dunas.

Non explicou Silva como pretende facelo o Goberno local, cando os informes técnicos e ambientais apuntan a que para a rexeneración habería que retranquear o paseo polo menos 25 metros, tal e como prevé o PXOM. A barreira artificial de cemento, cuxas obras comezaron en 1970, rachou cos ciclos dunares que fan posíbel a reposición natural da area, levando a unha perda significativa da superficie e da calidade da praia.

A concesión establecía un máximo de 30 anos, que finalmente rebaixáronse até 25, o que para a oposición segue a ser insuficiente. Insisten en que o edificio, abandonado e en mal estado debería seguir o mesmo proceso que As Dornas, o primeiro local que foi derrubado cando terminou a concesión pola actual Lei de Costas. Os outros locais con concesión, o Camaleón e o Di San Remo, teñen vixencia até o 2019 e o 2025 respectivamente. 

Oposición política e veciñal

“É terribel. A concesión do Jonathan hipotecará o futuro de Samil. Parece que importa máis o rendemento económico a curto prazo que o impacto ambiental para a cidade”, denuncia a voceira municipal do BNG, Iolanda Veloso. Tamén o PP mostrou a súa oposición, non tanto pola concesión que si apoian senón pola falta de negociación. Desde Anova Vigo cuestionan a decisión do Goberno municipal asegurando que o mantemento desa instalación suporá unha “barreira artifical que impide a recuperación do ciclo dunar”.

@!@SMARTY:5:SMARTY@!@

Que opinas de que o Goberno municipal prorrogue por 25 anos máis a concesión do Jonathan na praia de Samil?
En contra, xa que impide a recuperación do areal e do sistema dunar de Samil0%
A prol, porque fan falla servizos de restauración e hostalaría na praia0%
Debería consultarse a toda a cidadanía que facer0%
Non sabe / Non contesta0%