00:36 h. martes, 19 de marzo de 2024

CONFLITO DA ROTONDA

Caballero militarizou o traslado do Bernardo Alfageme a Coia, que rematou con cargas policiais

CLI  |  19 de febrero de 2015 (05:11 h.)
Cordón policial do Alfageme (Foto: GZ Fotos)

A veciñanza denuncia que polo menos seis persoas resultaron lesionadas. Un forte dispositivo con centos de antidisturbios e policías locais custodiou o barco durante todo o traxecto. A obra podería ser inaugurada nos próximos días. [Vídeo no interior: GZ Vídeos]

O Bernardo Alfageme está xa na rotonda de Coia tras dous meses de resistencia veciñal. Centos de axentes antidisturbios e de policías locais escoltaron o buque dende a súa saída da Autoridade Portuaria. Alí se concentrou o colectivo veciñal, nun último intento por evitar que a obra se levara a cabo. Non o puideron evitar, malia os intentos de resistencia pasiva, superados polo forte dispositivo policial.

Dende as 20.30h, decenas de persoas sumáronse ao grupo veciñal para mostrar o seu descontento fronte o Alfageme, preparado para ser remolcado na zona portuaria. Dúas unidades UIP custodiaban a porta de saída na avenida de Beiramar, mentres varias patrullas municipais acordoaban a zona. En rúas próximas, agardaban decenas de axentes nos furgóns, á espera de ordes.

Non foi até pouco antes da 1.30h cando comezou o traslado, tres horas máis tarde do anunciado. A Policía rodeou primeiro ao grupo veciñal, que foi retido durante minutos. Ninguén podía saír do cordón malia que o Alfageme non se movera aínda. “Pola lei de seguridade cidadé 1/92”, asegurou o oficial ao mando, tras empurrar aos concentrados cara a beirarrúa.

Os homes fortes de Caballero, presentes no traslado

A poucos metros, lonxe do grupo veciñal e da prensa, seguían a actuación policial os concelleiros de Seguridade, Carlos López Font, e de Xardíns, Ángel Rivas, secretario de organización do PSOE local, imputado no caso formigón e investigado na Operación Patos. 

O Bernardo Alfageme saiu dirección Coia, subindo pola rúa Coruña e torcendo en Praza América cara a rotonda da Avenida de Castelao. O forte dispositivo policial rodeu o barco varios metros a babor e estribor e comezou a procesión a pé, os 4,3 quilómetros que culminaban os desexos do alcalde Abel Caballero.

Cargas antes de chegar a rotonda

Mais a veciñanza volveullo a pór difícil. Aproveitando que o Alfageme chocou co túnel de entrada a Castelao, varios veciños e veciñas uníronse con tubos polos brazos uns metros adiante. En poucos segundos, o cordón policial bateu contra eles e, un a un, foron sacándoos fóra da calzada. Fontes veciñais sinalan que, polo menos, seis persoas remataron lesionadas polas cargas.

O barco arrancou de novo e chegou sen complicacións á rotonda, onde xa o esperaban as grúas. A Policía conseguira encerrar á veciñanza na beirarrúa e impedía o paso noutra dirección. Denuncian que o dispositivo foi desproporcionado e pregúntase cal é o seu custo.

O Concello quere inaugurala en poucos días

Porén, o Bernardo Alfageme xa está na rotonda, dende as 2.30h deste xoves, onde continúan apurando os traballos para acomodalo. Segundo López Font, o goberno municipal pretende inaugurala obra en poucos días. Pola súa banda, a veciñanza reuniráse mañá e decidira en asemblea cal é o futuro do movemento, mais anticipan que esté non é o final.