![Serafín Otero [Imaxe:CIG]](/asset/thumbnail,768,432,center,center/media/vigodixital/images/2014/09/16/2014091617430224694.jpg)
Serafín Otero sinalou que as declaracións do alcalde “só poden deberse a un claro caso de cegueira ou a unha insensibilidade brutal”.
O candidato do BNG para as municipais, Serafín Otero, saiu ao paso das afirmacións do alcade de Vigo, que negou este luns que en Vigo durman persoas na rúa. Cualificou a Abel Caballero de “insensíbel” e “cínico” por anunciar novas humanizacións “mentres a xente segue padecendo unha verdadeira emerxencia social”.
"A cidade non terá rúas humanizadas de verdade até que ningunha persoa se vexa obrigada a durmir ou malvivir nelas”, asegurou Otero.
Otero sinalou que as declaracións do alcalde “só poden deberse a un claro caso de cegueira ou a unha insensibilidade brutal”. Apunta que o albergue municipal ten unha capacidade insuficiente (conta con 40 camas) para cubrir as necesidades dos centos de persoas sen fogar en Vigo.
O candidato nacionalista criticou o comezo de 40 novas humanizacións e considerou que “a cidade non terá rúas humanizadas de verdade até que ningunha persoa se vexa obrigada a durmir ou malvivir nelas”. Asegurou que existen recursos para facelo, pero falta vontade política.
Desmentiu tamén que Vigo sexa unha cidade libre de desafiuzamentos, como insiste Caballero, e apuntou ao aumento dun 10% no último trimeste de 2014. Tamén fixo referencia a situación de colapso que sufren os servizos sociais da cidade. Cuestións que para Serafín Otero demostran que o goberno municipal “vive ás costas dos problemas reais da xente”.