12:20 h. jueves, 18 de abril de 2024

MEMORIA HISTÓRICA

A CIG chama ao povo de Vigo a exixir o derrube da Cruz fascista do Castro

Redacción | @VigoDixital  |  16 de septiembre de 2014 (19:46 h.)
Serafín Otero [Imaxe:CIG]

O sindicato nacionalista expresou a súa “oposición frontal” a que o Concello recorra a sentenza xudicial que lle obriga a retirar o símbolo franquista e amósase disposto a participar e promover mobilizacións.

Apenas vintecatro horas despois de que o Alcalde da cidade se reiterase na súa intención de presentar recurso contra a sentenza xudicial que obriga ao Concello a derrubar a Cruz fascista do Castro, a CIG a través dun comunicado público asinado polo seu Secretario comarcal, Serafín Otero, vén de reclamar a súa retirada inmediata. 

O sindicato nacionalista amosou a súa satisfacción co fallo  xudicial emitido polo xulgado número 2 o pasado 4 de setembro, lembrando que a CIG “fixemos parte desde o inicio da loita polo derrube da cruz”. O sindicato foi unha das trinta organizacións que adheriron á petición promovida pola Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36. A mesma que o Goberno de Abel Caballero denegou e que a sentenza xudicial obriga a admitir. 

“Achamos inconcebíbel que un símbolo fascista de doce metros de altura continúe en pé en pleno centro da cidade” asegura o secretario comarcal da CIG no comunicado. Serafín Otero lembra que o monumento foi erixido “en homenaxe e recoñecemento dos fascistas mortos durante o confronto armado desatado após o golpe militar de 1936”. “Nunca foi expresión nin de concordia, nin de reconciliación, tampouco un mero símbolo relixioso como con cinismo afirma o Alcalde”, acrecenta no texto.

Violenta a memoria dos alcaldes asasinados

"Oxalá Caballero tivese herdado o compromiso coa liberdade e a firmeza no combate co fascismo demostrado polos seus antecesores asasinados no 36"

En opinión da central sindical o mantemento da Cruz fascista do Castro, para alén de representar unha “humillación ás vítimas da ditadura”, denigra tamén ao conxunto da cidade. Otero carga con dureza contra a posición mantida polo Alcalde da cidade, contrario á retirada do símbolo franquista, asegurando que a súa permanencia “violenta tamén a memoria de Martínez Garrido, Antela Conde e Blein Budiño”, en referencia aos tres alcaldes asasinados polo bando fascista en 1936, dos que Abel Caballero se declaraba recentemente “orgulloso sucesor”

A este respecto o máximo responsábel da CIG de Vigo lamenta que Caballero non “tivese herdado o compromiso coa liberdade e a firmeza no combate co fascismo demostrado polos seus antecesores” e acusa ao rexedor de “conivencia coa simboloxía fascista”. “Non hai nin pacto segredo coa Igrexa, nin covardía electoral, que poida xustificar o mantemento da Cruz, menos agora, cunha resolución xudicial que ratifica a demanda dunha inmensa maioría da cidadanía” enfatizou.

Posíbeis mobilizacións

Logo de expresar a “frontal oposición” do sindicato á decisión de recorrer o fallo xudicial e de reclamaren a inmediata retirada da Cruz do Castro, a CIG fixo por boca do seu secretario comarcal un chamamento ao “povo de Vigo” para exixir o derrube da Cruz.

Serafín Otero manifestou publicamente a disposición do sindicato nacionalista “a participar e promover as accións de protesto e mobilizacións que sexan precisas” até o lograr.