00:36 h. martes, 19 de marzo de 2024

CIDADE

Comerciantes cuestionan Porto Cabral e denuncian a opacidade do proxecto

Redacción | @VigoDixital  |  09 de febrero de 2015 (11:43 h.)
Vista do encontro de comerciantes sobre Porto Cabral [Foto: PCA]

Alertan de que por cada posto de traballo que xere destruiranse cinco no pequeno comercio

O pequeno comercio continúa a observar con preocupación o polémico proxecto dun macrocomplexo comercial en Porto Cabral. É por iso que un grupo de comerciantes agrupados na denominada Plataforma de Comercio Autónomo realizou a pasada sexta feira unha xuntanza para abordaren a cuestión. No encontro participaron arredor dun cento de persoas de sectores como a hostalaría, o comercio, servizos ou o transporte, que operan nas parroquias afectadas polo proxecto tanto de Vigo, como de Redondela e Mos. 

A principal denuncia da xuntanza foi a falla de información arredor do proxecto. Tamén se sucederon intervencións moi críticas co modelo comercial que representan dotacións como a que Eurofunds queren instalar en Cabral. En opinión do sector o planeamento urbanístico que, con base no PXOM, permitiría a súa posta en marcha partían dunha “aposta por un crecemento desmesurado da cidade” que non cadra co momento actual.

Como mostra dos efectos das grandes áreas sinalan os exemplos dos centro Portovenecia (en Zaragoza) e Marineda na  Coruña

Voces como a da Presidenta da Asociación de Comerciantes do Calvario,  Encarna Álvarez, puxeron o foco na “saturación que padecemos xa de grandes superficies” alertando de que estudos poñen evidencia que por cada posto de traballo directo xerado por estes proxectos destrúense cinco no pequeno e mediano comercio. Como mostra sinalan os exemplos dos centro Portovenecia (en Zaragoza) e Marineda na  Coruña. Nese sentido reclamaron que se aposte polo comercio de proximidade dos barrios en troca de apoiar a grandes multinacionais.

Houbo críticas tamén cara Eurofund, o fondo de investimento que promove  Porto Cabral, denunciando a contradición entre a súa mensaxe de “ecoloxía e respecto co ambiente” cando o seu proxecto “vai consumir e malgastar enerxía” e inclúe un “lago artificial navegábel” e unha “pista de ski”. 

Queren coñecer as posturas dos diferentes grupos políticos sobre o proxecto "antes das eleccións municipais"

O encontro, no que tamén tiveron lugar intervencións que se amosaban menos críticas co proxecto, concluíu deitando algunhas preguntas sen resposta. “De onde proceden eses fondos de investimento? De onde son a maioría dos negocios que se implantan neste tipo de áreas? Que tipo de empregos ofrecen? Para onde van parar os beneficios destes negocios?” Para profundar no debate e procurar respostas a esas e outras cuestións teñen previsto a realización dunha nova xunta á que convidarán a todos os grupos políticos para que “antes das eleccións municipais” expoñan con claridade a súa postura sobre o proxecto.