01:50 h. Lúns, 23 de Outubro de 2017

Vigo Dixital

MEMORIA HISTÓRICA

O Concello alega que a do Castro é "unha simple cruz" aceptada socialmente

O escrito de apelación presentado contra a setenza que obriga a súa retirada limítase a reiterar o argumentario empregado polo Alcalde para xustificar a súa negativa. [Texto íntegro do recurso no interior]

Redacción | @VigoDixital  |  03 de Outubro de 2014 (08:00 h.)
Más acciones:

Portada do escrito de apelación do Concello de Vigo contra a sentenza da Cruz do Castro
Portada do escrito de apelación do Concello de Vigo contra a sentenza da Cruz do Castro


A pesar de estar asinado pola avogada Susana García Álvarez, da asesoría xurídica do Concello, o recurso presentado polo Goberno municipal contra a sentenza do xulgado do contencioso administrativo número 2 de Vigo --que ordenaba o pasado 4 de setembro a retirada da Cruz fascista do Castro-- semella elaborado ao ditado do propio Alcalde. O escrito de apelación de 16 páxinas, ao que tivo acceso VIGO dixital e que dispoñibilizamos integramente para os e as nosas lectoras, cínguese estritamente ao mesmo argumentario empregado por Abel Caballero para non acatar o fallo xudicial e promover un recurso contra deste. 

O texto responde ao mesmo guión e reproduce tamén a mesma reiteración que a demostrada polo rexedor nas súas intervencións públicas, e singularmente na súa aparición no programa Más Vale Tarde emitido a nivel de Estado por La Sexta, e que lle valeu numerosas críticas.

Catro son os principais argumentos que o Concello emprega para rexeitar a sentenza que o obriga a retirar a  chamada "Cruz dos Caídos" da ladeira do monte do Castro por constituír "indiscutibelmente" --para o tribunal-- un símbolo de exaltación fascista. 

Acordo plenario de 1981 e retirada de emblemas

O recurso invoca como principal demostración de que o monumento perdeu a súa orixinal significación o acordo adoptado polo Pleno da corporación municipal en 1981, polo que se reinterpretaba o simbolismo do monumento, erixido a proposta da Falange e inaugurado polo ditador Francisco Franco en 1961, para o converter formalmente nun monumento de homenaxe e recoñecemento a todas as vítimas da Guerra Civil. 

O propio recurso admite que no momunemto permanecen emblemas que poden simbolizar exaltación fascista

Reitérase tamén que o Concello xa retirou do monumento os principais emblemas de simboloxía fascista. Mais, o recurso admite --contradicindo a súa propia liña de argumentación-- que a permanencia de relevos dun soldado e un mariño, canda os emblemas en bronce dos tres exércitos, poden ser símbolos de exaltación fascista. De feito, no escrito afírmase explicitamente que o Concello non tería "ningunha oposición" en os retirar, se ben réstalle importancia asegurando que están afastados da cruz, a pesar de facer parte do conxunto monumental.

O recurso municipal non explica tampouco como pode soster que o significado simbólico do monumento foi modificado en 1981, cando --como recolle a sentenza xudicial-- en 2006 o Pleno municipal aprobaba unha moción do BNG na que se recoñecía precisamente o contrario, asegurando que a reconversión acordada en 1981 "non lograra eliminar a súa carga simbólica inicial claramente franquista". Nin clarifica o feito de que nunca se instalase unha placa no lugar que sinalase o novo significado simbólico que se lle quería dar, tal e como mandataba o acordo plenario referido.

Unha simple cruz

"Unha cruz, é unha cruz, unha cruz", repetía visibelmente nervoso nunha intervención televisiva Abel Caballero ao ser interrogado polo significado do polémico monumento. Esa mesma idea é unha das principais alegacións da apelación contra a sentenza. 

"Unha vez retirados os elementos accesorios de carácter fascista non é máis que iso unha simple cruz" recolle a apelación

"A cruz do Castro só é unha cruz, elemento iconográfico plenamente arraigado na tradición da historia das culturas occidentais" asegura a letrada García Álvarez.   A mesma chega a afirmar que "unha cruz latina non conmemora nin enaltece, por si mesma nada", acrecentando que "unha vez retirados os elementos accesorios de carácter fascista non é máis que iso unha simple cruz". 

Afirmacións que, en rigor, non parecen ser suficientes para discutir a interpretación que fai o tribunal do emprego da cruz no monumento, e pola que estabeleceu no fallo que se tratou "dunha mera adopción ou reelaboración dun símbolo cristián por parte do ideario falanxista que se empregou con finalidade propagandística dun determinado réxime político (...)"

Un monumento aceptado socialmente

"Non existe un sentimento social xeneralizado de que [a Cruz do Castro] sexa un elemento de exaltación do franquismo" aseverase no treito final do recurso, obviando deliberadamente os sucesivas campañas de protesta social, con recollida de milleiros de sinaturas --entre elas as de varios concelleiros do actual Goberno-- e o apoio de decenas de organizacións políticas, sindicais e sociais reclamando a súa retirada.

O recurso obvia as protestas, campañas cidadás e iniciativas plenarias que reclaman a retirada do monumento

Da mesma maneira faise referencia a que ningún Goberno, de diferentes signos, procedeu até o momento a retirala. Feito que, segundo a letrada, visaría a súa "aceptación democrática".

Máis un argumento de dubidosa consistencia, toda vez, foron varias as iniciativas que se someteron a debate no Pleno nos últimos anos denunciando o seu carácter fascista e pedindo o seu derrube. A última delas, días antes da presentación do recurso --no pleno ordinario deste mes-- onde o BNG presentou unha moción pedindo que se acatase a sentenza e se executase de maneira inmediata, e que foi tombada polos votos de PP e PSOE.

Eliminación doutros símbolos fascistas

Inda que o litixio se cingue unicamente á Cruz do Castro, o recurso municipal fai unha demorada enumeración das actuacións adoptadas por diversos Gobernos en relación á retirada de simboloxía fascista na cidade, tais como o cambio de nomes de rúas, a atribución de rúas a vítimas, o "xardín da memoria" e o acto institucional do 27 de agosto en memoria dos alcaldes asasinados, ou a instalación -pola asociación demandante- dun monolito no Castro e outro no Calvario.

Como fonte documental o Concello cita no seu escrito de apelación ao blogueiro que iniciou unha recollida de sinaturas pedindo o recurso 

Dando boa conta do rigor na fundamentación dos argumentos, o recurso cita como fonte documental para explicar o que é o Xardín da  Memoria e o acto institucional que nel se desenvolve, unha entrada no sitio web Outono.net, do que é autor un coñecido blogueiro e activista de claras simpatías con posicións de ultradereita (membro da rede Hazte Oír e de Galicia Bilingüe, antiabortista, pro Israel).Precisamente o autor chamou desde ese mesmo blogue a apoiar unha recollida de sinaturas, promovida por el propio, para pedir ao Alcalde que presentase o recurso.

Presentado a apelación contra a sentenza, será a sala do contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza quen decida sobre se considera ou non os seus argumentos e pretensións dando marcha atrás ao ditame que obriga a retirar a Cruz do Castro.

Entrementres, organizacións políticas, sindicais e sociais, quentan motores para a concentración de protesta que realizarán o próximo 15 de outubro para demandaren, máis unha vez, o derrube deste símbolo franquista de 12 metros de altura no corazón da nosa cidade.

 

Texto íntegro do recurso

Escrito de apelación do Concello de Vigo contra a sentenza que obriga a retirar a Cruz do Castro