15:48 h. Sábado, 22 de Xullo de 2017

Vigo Dixital

VIVENDA

O Concello de Vigo, convertido en axencia inmobilaria

O goberno municipal apura a subasta de vivendas en República Argentina e de terreos en Navia para financiar a expropiación da Cidade da Xustiza.

Redacción | @VigoDixital  |  07 de Novembro de 2014 (14:55 h.)
Máis accións:

Integrantes do Goberno municipal visitando unha vivenda [Imaxe: Vigo.org]
Integrantes do Goberno municipal visitando unha vivenda [Imaxe: Vigo.org]

Os desacordos entre Concello e Xunta manteñen paralizada a Cidade da Xustiza. Por un lado, o consistorio vigués segue sen iniciar o proceso de expropiación dos terreos para as novas instalacións xudiciais. Por outro, o goberno autonómico deixou fóra dos orzamentos para 2015 a partida para a súa construcción. 

A solución encontrada polo Concello para desbloquear a situación, ante os apremios do PP, pasa por vender propiedades públicas, como recoñeceu o alcalde, Abel Caballero, e a Xerencia de Urbanismo. O goberno municipal iniciou un segundo intento para subastar os 28 pisos da rúa República Argentina que quedaron sen adxudicar en xullo.

O BNG oponse á venda de terreos públiocs en Navia "para construír chalés"

Paralelamente, aprobou co voto dos representantes do PSOE e do PP a venda de parcelas municipais no barrio de Navia. Os terreos están destinados a vivendas unifamiliares, segundo recolle o PXOM. Cuestión que foi criticada polo BNG, ao consideraren “un escándalo que se destinen para construir chalés en vez de para as familias máis necesitadas”, segundo declarou a súa voceira, Iolanda Veloso.

E se os cartos non chegan?

Os nacionalistas cren que se trata dunha xogada electoralista e temen que os recursos obtidos logo das vendas sexan insuficientes. Sinalan que o goberno municipal se nega a constatar por escrito o destino destes cartos. “Non acuso a Caballero de nada ilegal, si de dedicar recursos públicos a facerse fotos, inaugurar rúas, parques e xardíns”, criticou Veloso.

O goberno municipal se nega a constatar por escrito que os cartos irán destinados á Cidade da Xustiza

Un informe de Urbanismo apunta a que as expropiacións para a Cidade da Xustiza estarán listas para setembro do próximo ano. Pero a falla de información e de presuposto por parte da Xunta, fan prever que tampouco se comezará a obra en 2015, malia a saturación que sofren os xulgados de Vigo dende hai anos.

Chalés fronte os despexos

Unha das medidas máis demandadas polos movementos cidadás é precisamente a creación dun parque de vivendas sociais, inexistentes na cidade, para os casos de persoas desafiuzadas ou en situación de exclusión. A PAH xa pedira meses atrás que as vivendas de República Argentina se destinaran a usos sociais.

Os movementos civís da cidade piden a creación dun parque de vivendas sociais, inexistentes na cidade

Unha realidade que nega o Concello, que insiste en que Vigo é unha cidade libre de despexos. Tampouco a Xunta cumpriu coas súas promesas para as persoas desafiuzadas. O goberno autonómico comprometera 500 vivendas, das que só se adxudicaron 33, segundo datos facilitados polo propio Instituto Galego de Vivenda e Solo.