10:17 h. viernes, 29 de marzo de 2024

ENTROIDO 2015

As loubanzas de Mario Vaquerizo a Caballero custaron 22.000 euros

CLI  |  17 de febrero de 2015 (22:01 h.)
Concerto Nancys Rubias en Vigo (Foto: @anaig_13)

A súa banda, Nancys Rubias, actuou tras o pregón de Entroido que realizou o polémico artista. O importe ronda o máximo permitido para contratalo de forma directa. Vaquerizo prodigouse en agarimos ao rexedor.

O Concello pagará 21.778,79 euros polo concerto de Mario Vaquerizo en Vigo o pasado 14 de febreiro, segundo consta no expediente do departamento de Cultura e Festas. A súa banda, Nancys Rubias, foi o prato forte das festas de Entroido. Unha decisión discutida por sectores da cultura viguesa que lamentaron que non se optase por unha das moitas refrencias locais.

O pregón correu pola conta do polémico artista que, segundo dixo el mesmo, improvisou durante dez minutos. Vaquerizo prodigouse en loubanzas cara a Abel Caballero. "Oxalá tivesemos máis alcaldes coma el" chegou a afirmar en perfecto castelán.

Non faltaron os eloxios do pregoiro e dos membros do Goberno para o que Abel Caballero cualificou, na súa habitual grandilocuencia, como o “mellor Entroido da historia de Vigo". O rexedor estivo acompañado polas persoas máis cercanas do seu gabinete. A “terratenente” Carmela Silva, como a definiu por erro Vaquerizo, e os concelleiros Ángel Rivas, Santos Héctor, Cayetano Rodríguez e Manel Fernández.

O importe do concerto ronda o máximo permitido para contratalo de forma directa. O adxudicatario é a empresa Sweet Nocturna SL, a mesma que organizou os concertos de verán en Castrelos, que declinou responder a preguntas de VIGO dixital. Tamén actuou Kiko Veneno, cuxo caché foi de 14.520 euros, representado pola mesma compañía.

O outro gran evento foi a I Carreira Popular de Entroido, baixo o lema “eu corro por diversión”. A organización da marcha terá un custo de 14.460 euros, segundo se desprende do mesmo expediente. Non son as únicas actuacións, posto que o Concello plantexou unha extensa programación con obradoiros e animacións, que terán como punto final este domingo 22 co desfile das comparsas, posposto por mor da choiva este fin de semana.