00:32 h. martes, 19 de marzo de 2024

CONFLITO DA ROTONDA

Numerosas contradicións no relato policial durante o xuízo ao detido en Coia

Redacción | @VigoDixital  |  12 de febrero de 2015 (13:50 h.)

Analizamos os feitos polos que foi xulgado este mércores Xurxo J.R., detido o pasado 7 de xaneiro durante o desaloxo da rotonda de Castelao, xunto as declaracións dos axentes que o denuncian por atentado e lesións.

Xulgado do Penal nº2 de Vigo. A vista comeza con quince minutos de atraso sobre a hora fixada, as 10.30h. Dun lado, Xurxo J.R., membro da Asemblea veciñal de Coia, acusado de atentado contra a autoridade e lesións. Do outro, o axente da Policía Local, con número de identificación 294425, que o denuncia por unha suposta agresión durante o desaloxo da rotonda de Castelao o pasado 7 de xaneiro

Fóra dos xulgados, rodeados por un cordón policial, medio centenar de persoas concentráronse unha hora antes do xuízo en apoio a Xurxo J.R. Representantes do BNG, como o candidato á alcaldía, Serafín Otero, ou a eurodeputada Ana Miranda, participaron da concentración para expresaren o seu apoio ao encausado, como tamén fixo o coordenador local de EU, Rubén Pérez. O voceiro nacional de Anova, Martiño Noriega desprazouse até Vigo para brindar a súa solidariedade.

Na sala, a Fiscalía ratificou a súa petición de dous anos e medio de prisión e 1.250 euros, polos días de baixa do axente. A defensa do veciño acusado, a cargo de Esther Lora, pediu a absolución de Xurxo J.R., que se declarou de novo inocente dos cargos. O xuízo quedou visto para sentenza.

Testificaron catro veciños e catro policías locais. Das súas declaracións e das imaxes dos feitos, tratamos de reconstruír o ocorrido.

Desaloxo pacífico ou violento?    

A veciñanza decidira retomar o 7 de xaneiro a presenza na rotonda de Coia, símbolo da súa protesta. O Concello de Vigo enviou un forte dispositivo policial, formado por 38 axentes segundo o atestado, co fin de desaloxala, igual que en anteriores ocasións. As 24 persoas que se encontraban na rotonda foron identificadas, logo de negarse a abandonala. 

Ante a resistencia veciñal, os policías comezaron a empurrar e sacar pola forza ás persoas concentradas, como pode apreciarse nas imaxes. Varias veciñas denuncian que acabaron con prendas de roupa rotas tras os forcexos. 

Unha versión que negaron os catro axentes que testificaron no xuízo. Todos defenderon que tiñan ordes de desaloxar sen violencia e que a veciñanza se retirou sen oposición, de forma pacífica. Un dos policías, o oficial que participou na detención de Xurxo, definiuno incluso como “un xogo”. Outro dixo que se limitaron a “invitar” á xente a que saira da rotonda.


Puñazo ou golpe fortuíto?

Durante o desaloxo, xa fóra da rotonda, continuou o tumulto entre policías e veciñas. Nese momento ocorreu o feito que provocou a detención de Xurxo J.R. O acusado recoñeceu que a súa man golpea co protector do casco do axente 294425, mais negou que lle lanzara un puñazo na cara, como recolle o atestado policial. 

O axente denunciante matizou o informe durante a súa comparecencia. Asegurou que o golpe se produciu no casco, baixando o protector que lle impactou logo no nariz. Insistiu en que foi coa man pechada, versión que confirmaron dous dos seus compañeiros. Agás un dos axentes que participaron da detención, que declarou que non lle parecera un puñazo porque vira en todo momento a man aberta.


Unha contradición que coincide coa posición defendida dende a Asemblea de Coia. A letrada Esther Lora tratou de demostrar que non existiu intencionalidade, cuestión que foi confirmada polas catro testemuñas veciñais, que consideraron o golpe fortuíto e froito da tensión do momento. Nas imaxes pode verse como a man esta aberta, contra a versión maioritaria entres os policías.

O momento da lesión

Outro dos puntos relevantes no xuízo era a lesión do axente 294425, que segundo o parte médico sufriu unha escordadura de grao 1 no pulso. Asegurou que de camiño ao coche patrulla levaba a Xurxo J.R. collido polo brazo e que este non levaba inmobilizadas as mans atrás. Mais nos documentos gráficos do día apreciase como o detido si tiña as mans nas costas e, incluso, que o policía denunciante non é quen o suxeita, como insistiu na súa declaración.

 
O axente 294425 declarou que, no momento en que ía colocarlle as esposas a Xurxo, que estaba contra o coche patrulla con catro axentes, este retorceulle o dedo até provocarlle a lesión. Os seus compañeiros dixeron que non o viron. Porén, argumentaron que o axente proferiu un “me cago en dios” como sinal de protesta. Porén, o oficial que participou na detención situou os feitos antes de que colocaran ao detido contra o coche.