00:15 h. Lúns, 21 de Agosto de 2017

Vigo Dixital

CORRUPCIÓN

A denuncia de supostos casos de enchufismo no Concello apunta agora a David Regades

Carlos Príncipe denunciou publicamente que un cuñado e un sobriño do concelleiro de Fomento foron contratados polas concesionarios municipais Cespa e FCC. Príncipe xa sinalara anteriormente a contorna da Tenente de Alcalde, Carmela Silva.

Redacción | @VigoDixital  |  23 de Septembro de 2014 (08:01 h.)
Máis accións:

David Regades, Abel Caballero, Carmela Silva e Ángel Rivas [Imaxe: Vigo.org]
David Regades, Abel Caballero, Carmela Silva e Ángel Rivas [Imaxe: Vigo.org]

Despois de facelo coa contorna da primeira Tenente de Alcalde, Carmela Silva, o ex Alcalde socialista Carlos González Príncipe sinala agora a familiares do Concelleiro de Fomento, e anterior xefe de gabinete de Caballero, David Regades, como beneficiarios de supostos casos de enchufismo. 

Así se recolle nunha información de Europa Press, publicada polo xornal La Información, na que ademais se salienta que Príncipe apunta directamente ás concesionarias Cespa (encargada dos servizos de parques e xardíns) e FCC (recollida do lixo) como as empresas nas que se produciron as contratacións "irregulares" dun cuñado e un sobriño do concelleiro David Regades, a quen o ex rexedor cualifica como "persoa de total confianza do Alcalde". Esas contratacións teríanse producido, supostamente, ao tempo que se rexeitaba a outros aspirantes aos postos baixo o argumento de que non se precisaba de máis persoal. O nome de Regades xa figuraba na denuncia da Plataforma Xuntos diante da fiscalía, relacionándoo con outros casos de suposto nepotismo.

Esta nova denuncia de Carlos Príncipe foi trasladada por el aos organismos de dirección do PSOE coa solicitude de que interveñan para poñer fin ao "clientelismo". Faino poucos días despois de que o concelleiro Ángel Rivas resultase imputado por un delito de prevaricación. Rivas asegurou a súa inocencia e non presentou a súa demisión, como lle reclamaron o BNG, EU e o sector crítico do PSOE de Vigo. O Alcalde mantivo ao edil imputado nos seus cargos dentro do Goberno Municipal.