03:05 h. viernes, 19 de abril de 2024

TRANSPORTE METROPOLITANO

A desavinza entre Concello e Xunta volve paralizar o transporte metropolitano

Redacción | @VigoDixital  |  22 de septiembre de 2014 (20:06 h.)
Ethel Vázquez e Abel Caballero [Imaxe: Xunta]

A reunión entre o Alcalde e a Conselleira sáldase sen acordo. Todo apunta que o servizo metropolitano non estará en marcha en 2015.

Novo desencontro entre o Concello e a Xunta para poñer en marcha o transporte metropolitano. A reunión que mantiveron este luns o Alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a Conselleira de infraestructuras, Ethel Vázquez, rematou sen acordo, malia que a semana pasada ambas partes mostraban entendemento e proximidade.

A chave para desbloquear o proxecto, que levaba anos no caixón polas diferenzas entre PP e PSOE, pasa agora pola achega económica que realice o consistorio vigués. Caballero reafirmou que non haberá convenio se a Xunta non se compromete a fixar un límite para esa contribución de 250.000 euros, por parte das arcas municipais.

Caballero quere que a Xunta limite a 250.000€ a achega de Vigo ao financiamento do servizo

Unha oferta que coincide coa proposta elaborada polo goberno autonómico, que reclama unha participación de 221.500 euros ampliábeis até 265.895. Só seis meses atrás a Xunta pedía que o Concello achegase 357.000 euros. Mais o rexedor non se fía e asegura que no borrador “a Xunta non nos garante que logo vaia custarnos un millón”, dixo con ironía, polo que “non penso firmarlle un cheque en branco”.

Vázquez retrucou que a proposta é similar aos acordos alcanzados na Coruña, Lugo, Santiago ou Ferrol, onde afirmou que funcionan sen problema. O transporte para conectar Vigo coa súa área metropolitana, e os seus preto de medio millón de habitantes, queda novamente no ar. Todo apunta a que tampouco será en 2015 cando se poña en marcha.

Porén, a relación entre ambas as dúas administracións foi nos últimos anos de desencontro en desencontro, o que provocou e continúa a provocar a parálise de numerosos proxectos que resolverían necesidades cidadás.