04:46 h. viernes, 29 de marzo de 2024

MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Por que Faro de Vigo silencia as demandas da veciñanza de Coia?

Redacción | @VigoDixital  |  18 de diciembre de 2014 (19:47 h.)
Convenio colaboración Concello - Faro de Vigo

O Concello aprobou poucos días antes de iniciar as obras na rotonda un convenio de colaboración co xornal, por un importe de 280.000 euros, para facer publireportaxes, un concurso infantil, un libro e un calendario.

Que o histórico xornal da cidade, o Faro de Vigo, ten unha relación cercana co actual goberno municipal é un segredo a voces. Algo que explicaría o seu enfoque informativo perante a loita en Coia, onde apenas teñen oco as reivindicacións da veciñanza fronte ás posturas defendidas polo Concello.  

Un bo exemplo o ofrecía esta venres o decano da prensa española cun longo artigo onde desenvolve os argumentos esgrimidos onte polo alcalde. Numerosos veciños e veciñas denuncian as continuas informacións parciais aparecidas no xornal, que recolle as descalificacións de Abel Caballero pero que non aparece pola rotonda para constatar as acusacións. 

Dende Coia recordan ademais que é habitual que o xornal silencie os problemas sociais da cidade e do barrio, como o colapso dos servizos sociais e os recortes da axudas para as persoas e familias sen recursos, que denuncian dende hai meses.

Unha relación cercana que inclúe axudas económicas, como a que firmou a Xunta de Goberno Local, en reunión de urxencia o 25 de novembro de 2014. Os socialistas aprobaron un convenio de colaboración que suporá aboar á cabeceira 280.000 euros de recursos públicos, para a realización de varias campañas de promoción co selo do Concello.

O mesmo custo que a obra na rotonda

Unha cantidade similar á que o mesmo diario apuntaba como custo da obra de instalación do Bernardo Alfageme, segundo fontes do consistorio local. Agora, e logo de que Caballero enviara unha nota informativa, sen valor real ante a falta de expediente público para contrastalo, rebaixa o prezo a 100.000 euros nas súas informacións.

O convenio de colaboración (que se pode consultar nesta ligazón) co Faro de Vigo basease, segundo a acta, “no papel de intermediario natural dos medios de comunicación entre a información e cantos non están en condicións de coñecela directamente, papel que se acrecenta con respecto a acontecementos que pola súa entidade, poden afectar a todas e por elo acadan unha específica resonancia social”.

Entre os acontecementos de especial resonancia social, o Concello decidiu aprobar o pago de 101.000 euros para que o xornal edite “reportaxes sobre os Barrios e Parroquias de Vigo” e organice un “concurso de debuxo e redacción infantil”. E outra partida de 179.000 euros que vai destinada a “un calendario de 2015”, unha campaña de promoción das “Illas Cíes, Patrimonio da Humanidade” e un libro sobre o “Rally Rías Baixas”.

A Xunta tamén usa cartos públicos para os medios

Non é casual que as eleccións municipais estén cercanas. E tampouco o é que o goberno de Abel Caballero patrocine aos xornais e medios de comunicación locais, aos que controla mediante publicidades e publireportaxes. Mais non é o único goberno que utiliza os cartos públicos para estes fins.

A Xunta pagou en diferentes conceptos 150.000 euros ao mesmo diario e outros centos de miles a grandes corporacións como a Voz de Galicia. Entre as partidas, unha destaca pola súa ausencia, a do fomento do galego, para  o que o goberno de Alberto Núñez Feijoo, lle concedeu 40.000 euros de subvención, como informou Praza Pública.  O ano anterior, as axudas ascenderan a 235.000 euros.