00:12 h. Lúns, 21 de Agosto de 2017

Vigo Dixital

CONFLITO DA ROTONDA

A Fiscalía admite indicios de posíbeis irregularidades na obra da rotonda de Coia

Solicitou o pasado 21 de xaneiro o expediente municipal para coñecer o custo total do proxecto, ante as sospeitas da Asemblea Veciñal, que ratificou a denuncia presentada nos xulgados.

Redacción | @VigoDixital  |  27 de Xaneiro de 2015 (19:29 h.)
Máis accións:

A Asemblea Veciñal de Coia ratificou este martes a denuncia contra o Concello de Vigo e a empresa Civis Global, por presunta prevaricación, subornos, tráfico de influencias e malversación de fondos públicos. A Fiscalía admitiu que existen indicios, ante a opacidade do proxecto, e continúa a investigación penal para determinar se existiron irregularidades na adxudicación da rotonda de Castelao. 

Por iso solicitou o pasado 21 de xaneiro o expediente municipal, co fin de coñecer o custo total da instalación do Bernardo. O ministerio fiscal, que admitiu a trámite a denuncia a comezos de ano, aínda non recibiu resposta por parte do Concello, pero espera obtela nas próximas semanas.

A veciñanza sospeita que o Concello dividiu as partidas para ocultar o custo total da obra e saltarse así os procedementos administrativos. En función do importe, o proceso de adxudicación varía e, de confirmarse as acusacións veciñais, tería evitado con esta fórmula sacar o proxecto a concurso público.

Por un lado, os traballos na rotonda está a realizalos a empresa Civis Global, concesionaria de mantemento de vías. Os operarios portan os materiais municipais, malia que se trata dunha obra nova. Iso explicaría os numerosos reténs de urxencia convocados polo consistorio, para iniciar as obras de madrugada ou fóra do convenio colectivo da construción

O longo historial de irregularidades de Civis Global, antes denominada MovexVial, é un dos elementos que sosteñen a denuncia. A empresa cambiou de nome logo de ser condenada por emitir centos de facturas falsas, dentro da trama das 5 Jotas, cuxos responsábeis apuntaban a que esta contabilidade B servía para realizar subornos a políticos. 

Por outro, e como adiantou VigoDixital, a empresa ImesApi encargarase de instalar o novo alumeado na rotonda de Castelao. O custo desta partida ascende a 115.000 euros, un importe superior ao defendido polo alcalde Abel Caballero para o conxunto da polémica obra.

O estaleiro Cardama asumirá os traballos de restauración do buque. A Autoridade Portuaria confimou este martes que os trámites para autorizar o traslado están en marcha, polo que nos vindeiros días podería producirse. Descoñécese que empresa realizará a colocación do barco na rotonda.