00:05 h. miércoles, 24 de abril de 2024

OBRAS

O Goberno local incumpre o seu bando sobre obras e colapsa o tráfico da cidade

Redacción | @VigoDixital  |  19 de diciembre de 2014 (04:55 h.)
tuneles2

O asfaltado dos túneles de Praza de España e Martínez Garrido incumpren a suspensión de obras até o vindeiro 7 de xaneiro decretada polo Alcalde.

As obras en diversos puntos da cidade, nomeadamente o asfaltado e obras de mellora nos túneles da Praza de España e de Martínez Garrido, provocaron nos últimos días importantes retencións que por momentos colapsaron a circulación na cidade. Condutores, profesionais do transporte e mesmo viandantes expresaron nas últimas corenta e oito horas a súa incomprensión. Non entenden que estas obras se executen desta maneira, pechando totalmente os túneles e que se faga precisamente nunhas datas de grande tránsito. 

Os grupos da oposición denunciaron a falla de previsión do Goberno Municipal, poñendo en tea de xuízo a súa xestión. O Concelleiro de Fomento, David Regades, non foi capaz de dar unha explicación convincente e tampouco se desculpou polas quilométricas retencións que produciron as obras que dirixe o seu departamento. Ao contrario, mesmo tentou defender as decisións adoptadas asegurando que era preferíbel acometer as obras pechando totalmente os túneles, malia ser vías fundamentais para favorecer unha circulación fluída. “Concentramos as obras en 24h, para así molestar un día e non máis” escusou Regades.

Caballero incumpre o seu propio bando

Por boca do edil socialista o Goberno local recoñecía de feito o incumprimento do bando municipal emitido polo propio Alcalde o pasado día 12 de decembro, e no que se mandataba a paralización de todas as obras a partir das 24:00h do pasado sábado 13 até as 8:00h do próximo 7 de xaneiro. 

No bando sinalábase non só a obrigatoriedade de poñer fin aos traballos que se estivesen a realizar na vía pública, senón tamén a retirada “casetas, valos, materiais de obra e maquinaria, coa limpeza de calzada e beirarrúas nas rúas e espazos públicos afectados”. Malia que até o 7 de xaneiro Abel Caballero decretara que “unicamente poderán ser atendidas, sen limitación de horarios, as emerxencias ou avarías que revistan carácter de urxencia”, o seu propio goberno incumpría esa restrición procedendo a asfaltar os túneles.