11:32 h. Sábado, 22 de Xullo de 2017

Vigo Dixital

OBRAS

O goberno municipal gastará 5 millóns de euros en asfaltar rúas antes das eleccións

O groso do investimento recaerá nas parroquias da cidade e unha quinta parte no centro, segundo anunciou o concelleiro de Fomento, David Regades.

 

Redacción | @VigoDixital  |  08 de Xaneiro de 2015 (07:59 h.)
Máis accións:

O Concello de Vigo comeza o ano como o rematou. Anunciando millonarios investimentos en obras públicas. Nesta ocasión, presentou un plan de asfaltado de decenas de rúas da cidade, por valor de 5 millóns de euros, para o primeiro semestre de ano. As obras afectarán principalmente ás parroquias e 900.000 euros destinaranse ao centro, segundo explicou o concelleiro de Fomento, David Regades. 

A maior parte dos traballos serán licitados e outra parte, equivalente a 2 millóns segundo o Concello, recaerá sobre o persoal do taller municipal. Regades xustificou o investimento, que cualificou de “ambicioso”, como parte das “políticas keinesianas” que marcaron os dous mandatos consecutivos dos socialistas na cidade.

O anuncio prodúcese a poucos meses das eleccións municipais e da aprobación de novas humanizacións, por un importe tamén de 5 millóns de euros. O alcalde Abel Caballero resaltou precisamente no seu balance do 2014 estes proxectos en rúas e beirarrúas, que supoñen máis dun 15% dos orzamentos locais, e que representan a única iniciativa de investimento do goberno municipal.

As rúas que se verán afectadas polas obras no próximo semestre son, segundo datos ofrecidos polo Concello, as seguintes: Buenos Aires, Antón Beiras, Alvaro Cunqueiro, Baixada a Pontillón, Porto Rico, Padre Feijóo, Martínez Garrido, Cañiza, Manolo Martínez, José Mato, Luis Seoane, San Xoán de Deus, Lepanto, México, Progreso e República Argentina. Respecto das parroquias, os traballos a realizar serán os seguintes: Sárdoma (Freixo, Miraflores, Marco); Castrelos (Camiño Telleira); Beade (Camiño Casmarcelo, Brea e Outeiro); Valladares (Pinguela e Gándara); Salgueira (Carballo e Coutadas); Candeán (Monte Pequeno e Devesa); Cabral (Fontiñas, Bosque e Ameal); Lavadores (Barreiro, Brea, Pepe Castro); Teis (Paraixal e Doña Fermina); Alcabre (Millareira); Coruxo (Viño e Monte do Gato); Oia (Pedreira), Sampaio (Pardavila, Areeiro, Roteas de Abaixo); San Xoán do Monte (Redomeira); Navia (Bravo); Matamá (Roupeiro e Balsa); Comesaña (Cañiza e Matamá) e, por último, Bembrive (Areeiro).