04:46 h. viernes, 29 de marzo de 2024

INAUGURACIÓNS

Inauguran as escaleiras mecánicas de Segunda República malia que están sen rematar

Redacción | @VigoDixital  |  03 de enero de 2015 (18:37 h.)
O alcalde e varios concelleiros inauguran as escaleiras de II República

O alcalde e varios concelleiros abriron a primeira parte da obra, a falta da cuberta e do último tramo de escaleiras. A obra final está valorada en 1,2 millóns de euros, a primeira do proxecto 'Vigo Vertical'.

O goberno municipal abre o ano coa inauguración das escaleiras mecánicas na rúa Segunda República. Unha obra valorada en 1,2 millóns de euros, dentro do proxecto ‘Vigo Vertical’, que pese a inaugurarse está sen rematar. As escaleiras inauguradas salvan unha altura de dez metros, pero non cubren a totalidade da rúa. Ademais, queda por instalar a cuberta que a protexera das choivas.

Así o recoñeceu o propio alcalde de Vigo, Abel Caballero, no acto de inauguración. O rexedor asegurou que a obra facilitara o desprazamento da veciñanza da zona, especialmente da xente de idade avanzada. A alternativa actual pasaba pola rúa Abelaira Menéndez, a 50 metros, onde o desnivel é máis suave. Fixou para o próximo mes as obras para poñer o teito, o que aventura un peche próximo das escaleiras recén inauguradas. 

O alcalde para o próximo mes as obras para poñer a cuberta, o que aventura un peche próximo das escaleiras recén inauguradas. 

Caballero estivo acompañado dos concelleiros de Fomento, David Regades, o imputado concelleiro de Limpeza, Ángel Rivas, o de Seguridade, Carlos López Font, e o edil de Emprego, Santos Héctor. O proxecto de ‘Vigo Vertical’ continuará coa instalación dun ascensor que una Menéndez Pelayo con Camelias, cun orzamento aprobado de 800.000 euros. As dúas obras xuntas alcanzan os dous millóns de euros.

A inauguración non estivo exenta de división, onde detractores e defensores volveron a marcar o ritmo do acto. Algo habitual nas últimas aparicións institucionais do goberno municipal, marcados pola carreira das eleccións municipais. No pasado mes de decembro, aprobou novas humanizacións por valor de cinco millóns de euros.