04:46 h. viernes, 29 de marzo de 2024

OPÓÑENSE A QUE O CONCELLO RECORRA O FALLO

A maioría das forzas políticas reclaman o cumprimento da sentenza que ordena derrubar a cruz fascista do Castro

Redacción | @VigoDixital  |  08 de septiembre de 2014 (14:56 h.)

O BNG manifestou a súa oposición a que o Concello presente recurso contra o fallo xudicial, como anunciou Abel Caballero, e pediu a retirada do monumento "o antes posíbel". Os líderes locais de EU e CxG tamén se posicionaron a prol do derrube. O PP demandou un "informe xurídico" para avaliar a sentenza.

Corenta e oito horas despois de que se coñecera publicamente a sentenza ditada polo xulgado número 2 de Vigo, que ordena ao Concello de Vigo a demolición da cruz do Castro -- e da que VIGO dixital foi o primeiro medio en dar conta--, comezan a abrollar as reaccións ante o ditame xudicial que supón un duro golpe á posición do Goberno municipal de Abel Caballero, que se negou durante seis anos a retirar o monumento. O Alcalde vén de anunciar en declaracións aos medios de comunicación a súa intención de recorrer contra a resolución xudicial. Porén, a meirande parte das forzas políticas da cidade co BNG á cabeza reclaman que se acate o fallo e se retire o monumento.

O Alcalde anunciou a intención do Goberno local de recorrer contra a sentenza

O BNG foi o primeiro en expresar a súa valoración, nunha rolda de prensa que tivo lugar ás 10:30 desa mañá. A voceira nacionalista no Concello, Iolanda Veloso, valorou positivamente o fallo xudicial, que considerou “está argumentada de forma moi sólida”, lembrando ademais as diferentes iniciativas presentadas pola súa organización, con varias mocións desde 2006, así como a retirada polas áreas de goberno baixo dirección nacionalista da simboloxía fascista na fachada da Casa das Artes en 2010. 

Veloso manifestou a oposición do Bloque a que o Concello presente recurso contra a sentenza e reclamou a demolición da cruz “o antes posíbel porque é unha cuestión de xustiza en todos os sentidos”, en referencia a que o monumento, tal e como recoñece a sentenza, “simboliza a a vitoria do bando franquista”.

O Bloque pide retirar a cruz "o antes posíbel" por ser unha "cuestión de xustiza en todos os sentidos"

Ademais, a concelleira denunciou a contradición na posición do PSOE, por ser a forza política que promovera a Lei de Memoria Histórica e ao tempo se oporen até hoxe a retirada deste símbolo de exaltación fascista de doce metros de altura. “É sintomático que desde que se coñeceu a sentenza o Alcalde aínda non fixo ningunha declaración”, declarou. 

Poucos minutos despois do remate da rolda de prensa do BNG, e en declaracións aos medios de comunicación, o Alcalde da cidade anunciaba a súa intención de recorrer a sentenza.

O Partido Popular de Vigo limitouse polo momento a expresar "máximo respecto polas decisións xudiciais". Fíxoo por boca do seu Presidente, Jose Manuel Figueroa, en declaracións a Onda Cero. Posteriormente en rolda de prensa, o líder popular, trasladou a solicitude do seu grupo de que os servizos xurídicos do Concello emitan un informe para valorar a sentenza.

Os líderes de EU e CxG a prol do derrube

Os líderes locais de Esquerda Unida e de Compromiso por Galicia xa expresaron publicamente a súa satisfacción pola sentenza e mostráronse favorábeis a que esta se execute. O portavoz local de CxG, Henrique Macías, manifestaba no seu perfil nunha rede social o seu desexo de que “Ogallà o Concello acate a sentenza”.” A realidade è teimuda, a Cruz do Castro foi erguida pola Falanxe en homenaxe sò aos caidos no bando vencedor da guerra civil...” acrecentaba Macías.

Pola súa banda o coordinador local de EU, Rubén Pérez, trasmitía o seu apoio á retirada da cruz discutindo a escusa do seu custe. “O custe de retirar a Cruz do Castro pode ser 0 euros. Que pidan voluntarios que imos ser un feixe que aparezamos co pico e marreta” aseguraba Pérez nunha mensaxe publicada nas redes sociais. Esquerda Unida anunciou que levarán a decisión municipal de presentar recurso, o que supón a negativa a executar a sentenza, até o Congreso dos Deputados, sen concretizar máis detalles a respecto da iniciativa.

Nova Esquerda Galega tamén se recoñeceu satisfeita polo mandato xudicial inda que advertíu que hai máis simboloxía fascista pendente de se retirar na cidade.