00:05 h. miércoles, 24 de abril de 2024

ELECCIÓNS MUNICIPAIS

Un mapa para entender o 'labirinto' de candidaturas para as municipais de 2015

Redacción | @VigoDixital  |  26 de septiembre de 2014 (11:40 h.)
Papeletas de votación [Imaxe: Blogue de P. Larrauri]

Debullamos as principais chave arredor das posíbeis candidaturas e os seus referentes rumo aos comicios de 2015. Moitos son os interrogantes, agravados por unha inda maior atomización das forzas de esquerda alternativa e as novas “mareas”.

Restan oito meses até os comicios municipais que previsibelmente terán lugar o 25 de maio do ano próximo. A estas alturas descoñécese quen serán os e as posíbeis aspirantes que opten á alcaldía. O único candidato confirmado é o actual rexedor, o socialista Abel Caballero. Cantas candidaturas haberá? Quen serán os e as súas cabezas de cartel? Achegamos algunhas respostas.

Caballero optará á re-elección

O PSOE é a única das forzas políticas da cidade que ten, a priori, pechado o seu cabeza de cartel para as vindeiras eleccións municipais. Abel Caballero optará a un terceiro mandato, logo de facerse coa alcaldía grazas ao apoio brindado polo BNG en 2007 e 2011, e ter gobernado en minoría os últimos catro anos. Caballero será, como en ocasións anteriores, quen determine a equipa que o acompañe. Na anterior lexislatura apurou os tempos ao máximo, a tal punto que varios dos edís do seu Goberno recoñecían off record non saber se seguían a contar coa confianza do rexedor.

Caballero conta cunha folgada maioría mecánica dentro da asemblea local e nos organismos de dirección do PSOE vigués

Caballero conta cunha folgada maioría mecánica dentro da asemblea local e nos organismos de dirección do PSOE vigués, onde a escasa oposición interna foi perdendo forza co paso do tempo. De feito a cativa participación de Gonzalo Caballero, sobriño do Alcalde, nos últimos meses ten deixado a súa corrente sen unha figura que poida disputar o liderado do PSOE na cidade. Feito que tería provocado que existan voces dentro do sector crítico, aglutinado arredor da chamada Alternativa Socialista de Vigo, que lle suxeriron a Gonzalo Caballero que retomase un papel máis activo ou que valorase pasar a un segundo plano.

O expediente disciplinario aberto contra Carlos Príncipe, que se ten destacado nos últimos meses por unha intensa campaña de denuncia de presuntos casos de corrupción do Goberno socialista, restoulle peso na organización local, quedando o “principismo” reducido a un pequeno grupo de afíns ao ex alcalde.

O BNG elixirá no outono

No caso do BNG, após a renuncia a volver presentarse da actual voceira municipal --que relevou a Santi Domínguez como portavoz--, Iolanda Veloso, a fronte nacionalista inda non encetou o proceso de confección de candidaturas, que todo apunta a que resultará nunha importante renovación de caras con novos perfís.

O Bloque inda non iniciou o proceso de confección da súa candidatura, á espera da decisión do seu Consello Nacional

Diversas especulacións nas últimas semanas sinalaron os nomes de Serafín Otero, actual secretario comarcal da CIG, a deputada Carme Adán ou o responsábel local Henrique Viéitez,  como posíbeis cabezas de cartel para o Bloque. A organización fica á espera de que o seu Consello Nacional fixe, na reunión que terá  lugar a principios de outubro, o calendario para dar comezo ao proceso. Entrementres están a desenvolver a rolda de asembleas abertas, baixo a campaña “Construíndo futuro”, coa que pretenden alargar a base social do nacionalismo e enraizar na cidadanía a súa proposta rumo as municipais.

En Vigo a asemblea aberta celebrouse o pasado día 24. Nela participaron unas 150 persoas, a meirande parte persoas simpatizantes que non están afiliadas, salientando a presenza de activistas de diversos movementos sociais, singularmente o veciñal e o sindicalismo.  Desde a organización valoraron positivamente o resultado da mesma, adiantando que o acto é só o inicio dun contacto que aspiran a facer estábel e permanente coa súa base social.

O PP segue sen decidirse

A falla de consenso parece ser o principal atranco para que o PP decida quen aspirará á alcaldía logo da saída da política local da ex alcaldesa Corina Porro. José Manuel Figueroa, actual voceiro municipal e veterano concelleiro da bancada popular no Pleno, non disimula a súa disposición a dar o salto e asumir o liderado do partido. Figueroa desenvolveu nos últimos meses unha intensa campaña interna de contacto coa organización barrial e distrital do partido, sondando apoios. Sondaxe que tamén realizou cos diferentes ámbitos de dirección, incluído o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que con certeza será quen remate por resolver a incógnita viguesa. Feijóo aseguraba hai poucos días que en xeral os cabezas de cartel serán ocupadas polas persoas que asumen a presidencia local do partido nos diferentes concellos, agás algunhas excepcións. Unha delas podería ser Vigo.

Figueroa e Guerra son os dous nomes con máis opcións para encabezar o cartel popular

Logo de que a delegada da Xunta en Vigo, a profesora universitaria María José Bravo, se descartase para a carreira electoral local, o nome que máis forza cobra entre os populares é o do ex conselleiro de economía na Xunta, o empresario Javier Guerra. Guerra inda non manifestou claramente se está disposto ou non a ser o aspirante dos populares para retornar á alcaldía, da que saíron en 2007. O tamén ex concelleiro tería posto como condición que a súa proclamación fose por unanimidade, sen discusión de ningún tipo. Algunhas voces apuntan que será determinante na súa decisión final tamén as opcións reais que o PP teña de facerse coa alcaldía, o que exixiría dunha maioría absoluta que só lograron en 1995 con Manuel Pérez. Se a  prognose electoral non recolle opcións claras, algunhas voces apuntan a que Guerra non dará o paso.

AGE no aire

Un dos grandes interrogantes das vindeiras eleccións locais é se Anova e Esquerda Unida reeditarán a súa coalición, AGE, coa que concorreron tanto aos comicios autonómicos de 2012 como ás recentes votacións ao Parlamento europeo.

Anova fica inmersa en fortes tensións internas tanto a nivel galego, con dous sectores claramente enfrontados (o oficialismo liderado por Martiño Noriega baixo o paraugas do seu lider e principal figura, Xosé Manuel Beiras, e a oposición aglutinada arredor de Luis Eyre e Mario López Rico, da corrente Cerna), como en Vigo. A nivel local Anova vén de sufrir a saída de máis de dúas decenas de afiliados, organizados na Fronte Obreira Galega. Nas últimas semanas produciuse tamén unha polémica que transcendeu publicamente entre o anterior coordinador local, Fran Riveiro (que contaría co aval da dirección nacional), e os principais dirixentes de Anova-Vigo, nucleados arredor da FPG.

Anova está fortemente dividida e é posíbel que Esquerda Unida  opte pola Marea de Vigo en lugar de reeditar AGE

A causa principal do conflito son as diferenzas, precisamente, arredor da política de alianzas de Anova. O oficialismo aposta por consolidar AGE como único espazo, en troca a oposición decántase por maior flexibilidade en función de cada convocatoria electoral e amosa predisposición a procurar o entendemento con forzas nacionalistas. Descoñécese polo momento ningún referente claro de Anova a nivel local que puidese optar a encabezar algunha candidatura.

No caso de Esquerda Unida as dúbidas son tamén moitas. Alén de ficar pendentes de se se vai articular ou non AGE  para os concellos, a dirección galega estaría a valorar a posibilidade de se incluír nas candidaturas “cidadás” que se están a impulsar en toda Galiza. En Vigo a súa aposta sería integrarse dentro da Marea de Vigo. Porén, topan co atranco de non poder garantiren que o cabeza de lista da Marea sexa o seu coordenador local, Rubén Pérez Correa, dado que na plataforma existen voces que rexeitan de plano esa posibilidade e apostan por ir a unhas primarias abertas “de verdade”.

Podemos non sabe se concorrerá

Malia que a posición de Pablo Iglesias e os principais referentes de Podemos a nivel estatal é a de non concorreren ás municipais como organización, apostando pola contra por participar das candidaturas cidadás impulsadas baixo a fórmula “Gañemos” (como a de Barcelona con Ada Colau), no círculo vigués existe un forte debate ao respecto.

Podemos Vigo apostaría por se presentar, mais a decisión tomarase a nivel de Estado

O seu voceiro local, Óscar González, recoñeceu publicamente ser partidario de que Podemos presente candidatura propia ás eleccións municipais en Vigo. A decisión final será adoptada pola asemblea constituínte que Podemos celebrará en Madrid a finais do mes que vén.

As “mareas” sen cabeza visíbel

A Marea de Vigo tampouco ten polo momento un nome. De feito, a iniciativa que promove unha candidatura “cidadá” ao marxe dos partidos políticos, non ten seguro lograr os apoios necesarios para presentar candidatura. Unha opción sería que Anova e Esquerda Unida, en lugar de reeditar a fórmula AGE, apostasen por se integrar nesta nova marca o que aseguraría a súa entrada na carreira electoral.

A asemblea da Marea de Vigo que realizaron o pasado 23 fixou como obxectivo acadar os 3.000 apoios ao seu manifesto. Polo momento só recolleron 699 avais, moi por detrás da coruñesa Marea Atlántica e a enorme distancia porcentual do apoio logrado por Guayem Barcelona. Asemade, fixan para finais de decembro o momento no que decidirá a súa fórmula de concorrencia electoral. No caso de que se presenten non terán candidatura antes do 10 de febreiro de 2015, data na que teñen programada a posíbel realización de primarias abertas.

A sindicalista Transi  Fernández podería ser candidata á alcaldía por "Gañemos Vigo"

Hai tamén outra “marea” a piques de se presentar publicamente. Baixo a denominación “Gañemos Vigo”, e impulsada entre outros polo dirixente de Nova Esquerda Galega, Lois Pérez Leira (quen en 2011 viu frustrada a súa intención de se candidatar á alcaldía por Nova Esquerda Socialista), a mesma estaría integrada dentro da plataforma estatal “Ganemos”. Gañemos Vigo xa ten o seu manifesto na Rede, que en xeral partilla unha filosofía moi semellante á da Marea de Vigo.

Entre os principais referentes desta outra marea están a deputada de AGE (por Anova), Consuelo Martínez, ou a sindicalista Transi Fernández (secretaria comarcal de CIG-Servizos). A respecto desta última, fontes consultadas por VIGO dixital apuntan a que podería ser a súa candidata á alcaldía inda que a decisión non está tomada.

Miguel Barros por CxG

Compromiso por Galicia xa desvelou días atrás que rexeitaba a posibilidade de se sumar a ningunha coalición electoral e concorrería con candidaturas propias. Malia que as primarias para designar o seu candidato á alcaldía terán lugar o vindeiro 16 de outubro, todo apunta a que o cartel electoral será ocupado por Miguel Barros.

O ex socialista Miguel Barros presentou a súa candidatura ás primarias de CxG nas que podería non ter rival

O histórico dirixente do PSOE, que xa foi concelleiro en Vigo, abandonou as filas socialistas en 2006 e recentemente se integraba na executiva local de Compromiso con que retornará a política local. Barros presentou onte a súa candidatura ao proceso de primarias, nas que podería non ter rival.