12:20 h. jueves, 18 de abril de 2024

A Marea de Vigo presentouse en sociedade

Redacción | @VigoDixital  |  12 de septiembre de 2014 (11:54 h.)
Presentación de Marea de Vigo [Imaxe: @xosemafs]

A iniciativa que promove unha candidatura "cidadá" cara ás eleccións municipais de 2015 fixo un acto público no que participaron varias decenas de persoas. O seu manfiesto recibiu 644 apoios, o equivalente ao 0,27% do censo electoral de 2011 e moi por detrás da Marea Atlántica da Coruña.

Transcorrido case un mes desde o lanzamento do seu manifesto fundacional, onte presentábase oficialmente en sociedade a Marea de Vigo, a iniciativa que promove unha candidatura aos próximos comicios municipais de maio de 2015 a partir de primarias abertas e co pretenso de que a mesma pivote sobre a cidadanía, á marxe de forzas políticas. 

O acto público tivo lugar na Praza do Pobo Galego e nel participaron varias decenas de persoas que os promotores elevan a máis de dúas centas. A profesora universitaria Beatriz Suárez Briones foi a encargada de encetar a presentación pública, antes de dar a lectura do manifesto co que xermolou a Marea, apostando por novas formas de facer política e cuestionando as actuais estruturas partidarias. 

Con todo, da plataforma fan parte membros e membras de forzas políticas, como o caso de Esquerda Unida, Anova, Equo, Espazo Ecosocialista, Podemos ou o Partido Pirata. Inda que a súa participación é formalmente a título individual é coñecida a aposta de varias das organizacións referidas en confluíren e se integraren na candidatura "cidadá" que promove a Marea. Integran tamén a plataforma activistas de diversos movementos sociais e veciñanza sen adscrición política coñecida.

A iniciativa que se encadrou por boca dos seus promotores no campo da "esquerda alternativa", realizará de aquí en diante asembleas semanais. A primeira delas terá lugar o próximo xoves.

Mar calma polo momento

A Marea de Vigo non obtivo inda un apoio popular significativo na cidade, a pesar da relevancia e proxección dalgunhas das persoas que promoveron o seu nacemento. Así se deduce do feito de que a plataforma inda non teña conquerido sumar 1.000 sinaturas ao seu manifesto. Arestora son só 644 os e as veciñas de Vigo que expresaron adhesión aos postulados da Marea. 

Para lograren un apoio equiparábel ao de Guanyem Barcelona, a Marea de Vigo tería que multiplicar por 9 o seu número de adhesións

Comparativamente a Marea olívica colócase por trás doutras iniciativas semellantes xurdidas noutras cidades galegas ou a nivel de Estado. Dividindo o número de apoiantes sobre o censo electoral dos últimos comicios municipais de 2011, a Marea de Vigo ten o apoio do 0,27% do censo. En troca, a Marea Atlántica promovida na Coruña triplica o resultado da viguesa, e as 1.863 sinaturas recollidas representan o 0,92% do censo herculino de hai catro anos. Unha diferenza cuantitativa que pola súa magnitude non se explica só polo feito de que na nosa cidade a iniciativa xurdise varias semanas despois.

As mareas galegas distan moito de lograr, polo momento, o aval popular co que por exemplo conta unha das primeiras plataformas xurdidas a nivel de Estado como é Guanyem Barcelona. A iniciativa liderada pola activista contra os desafiuzamentos, Ada Colau, xa recibiu os 30.000 apoios que fixaran como mínimo para continuar co proceso. Un número que equivale ao 2,5% do censo electoral da cidade condal nas pasadas eleccións. Un nivel de apoio que en Vigo equivalería a recoller case seis mil sinaturas (5.945), nove veces máis o número de sinaturas recollidas pola Marea viguesa até hoxe.

[Segunda imaxe: @autonauta]