00:40 h. sábado, 20 de abril de 2024

POLÍTICA 2.0

Nas redes sociais o BNG faríase coa Alcaldía como primeira forza

Redacción | @VigoDixital  |  08 de octubre de 2014 (10:00 h.)

Un estudo da axencia de comunicación Picn'Post analiza a presenza nas redes sociais das tres forzas con representación municipal e dos seus respectivos concelleiros e concelleiras.

A presenza na  Rede das organizacións políticas con representación no pleno, e a dos e das súas respectivas concelleiras é mellorábel. Así se deduce da análise de presenza que realizou a axencia de comunicación Picn'Post, de recente creación na nosa cidade e especializada en branding. No estudo recóllese que 1 de cada 4 representantes municipais vive fóra da Rede, ao carecer de ningún medio de presenza, nin web, nin blogue, nin perfil nas principais redes sociais. 

1 de cada 4 representantes municipais vive fóra da Rede

A respecto dos e das edís que si existen na realidade 2.0, a metade conta con perfil en Facebook. Porén, desde Picn'Post advirten que a meirande parte comete o erro de optaren por un "perfil privado" en troca dunha fan page (perfil público).

No caso de Twitter a presenza redúcese ao 44%.  Menor porcentaxe é a de quen posúe perfil na rede profesional  LinkdIn, só un 40%, dos que a maioría (70%) pertencen ao grupo municipal popular.

O BNG suma máis apoios nas redes

No referido ás organizacións o Bloque Nacionalista Galego é a opción con máis seguidores en Facebook (707) e tamén en Twitter (555). No caso da rede de microbloging para o cómputo da fronte nacionalista sumáronse os followers do seu perfil oficial (@bngvigo), de recente creación, co que viña mantendo con anterioridade o grupo municipal ( @bngvigo_prensa). Este aspecto non foi tido en conta no traballo de Picn'Post, no que o BNG reduce a 164 o número de seguidores en Twitter, correspondentes unicamente ao perfil oficial.

O PSOE de Abel Caballero é a forza con menos seguidores

A segunda posición estaría ocupada polo Partido Popular, con 602 seguidores en Facebook e  520 en Twitter. Moi por tras de BNG e PP situaríase a forza que actualmente ostenta a Alcaldía e exerce de goberno, en minoría. O PSOE de Abel Caballero só suma 222 gostos en Facebook e carece de perfil en Twitter. Unha ausencia que resulta rechamante para os expertos de Picn'Post.

Un Pleno moi diferente

En base á presenza nas redes o BNG obtería 13 edís, o PP 12 e o PSOE só 2

De se trasladar a presenza en redes das tres organizacións a un simulador electoral, a composición do Pleno mudaría substancialmente.

Desta maneira, o BNG colocaríase como primeira forza da corporación municipal, con 13 edís --ás portas da maioría absoluta por apenas 48 seguidores-- fronte aos 3 que ten na actualidade. Ao grupo nacionalista seguiríao de preto o PP con 12 actas, unha menos das que ten na realidade.

A falla de apoio nas Redes faría pasar ao PSOE de 11 a só 2 asentos no salón de plenos. Unha correlación que con toda probabilidade aseguraría que o Bloque recuperaría a Alcaldía que perdeu en 2003.