00:14 h. Lúns, 21 de Agosto de 2017

Vigo Dixital

PROPOSTA DO BNG

O Pleno votará a retirada da Cruz fascista do Castro

O BNG presenta unha moción na que insta a non recorrer a sentenza e a retirar de maneira inmediata o monumento construído a proposta da Falanxe e inaugurado por Franco.

Redacción | @VigoDixital  |  23 de Septembro de 2014 (08:02 h.)
Máis accións:

Cruz do Castro [Imaxe: Memòria Repressió Franquista]
Cruz do Castro [Imaxe: Memòria Repressió Franquista]

O próximo Pleno Municipal terá entre outros asuntos que tomar posición sobre a sentenza do xulgado número 2 de Vigo que obriga ao Concello de Vigo a retirar a Cruz do Castro por constituír un símbolo fascista. 

O grupo municipal do BNG presentou esta segunda feira ante os medios a moción que levarán ao Pleno na que propoñen que o Goberno municipal non recorra a sentenza, tal e como anunciou o Alcalde que farán, e que "de forma inmediata" se adopten as medidas que sexan precisas para a retirada do monumento. A CIG e numerosos colectivos sociais expresaronse no mesmo sentido, ao igual que a maioría das forzas políticas.

“Non entendemos que o goberno vigués recorra a sentenza e reclamamos que cumpra a sentenza”, asegurou a voceira municipal do BNG.  Iolanda Veloso criticou a contradición de que un Alcalde socialista "se negue a cumprir a Lei de Memoria Histórica aprobada polo seu propio partido". 

Veloso enfatizou que o carácter fascista do monumento non admite discusión, "ao ser o tipo de cruz elixida pola Falanxe para conmemorar a vitoria dos golpistas e inaugurada polo propio ditador Francisco Franco en 1961". A este respecto a concelleira nacionalista defende que ese simbolismo permanece vixente, malia o acordo plenario de 1981 que quixo formalmente dedicalo a todas as vítimas, xa que "non se adoptou ningunha medida" nese sentido.

Para o BNG a sentenza supón un recoñecemento dunha "reivindicación social na nosa cidade"

O texto da moción do grupo nacionalista base a meirande parte da súa exposición de motivos na argumentación recollida na sentencia, que xulgan "contundente" e ben motivada. Neste sentido defenden que o fallo xudicial supón un recoñecemento dunha "reivindicación social na nosa cidade".  Aliás, sosteñen que a aplicación da Lei de Memoria Histórica exixe retirar a Cruz da ladeira do Monte do Castro, como reclamara o propio  BNG en varias ocasións. A última en setembro de 2013 coa oposición do PP e a abstención do grupo socialista no Pleno. 

Logo da reacción do PSOE, que optou por recorrer a sentenza (o prazo para a súa presentación remata esta sexta feira 26), e a ambigüidade demostrada polo grupo popular, os tres grupos da corporación municipal terán que emitir o seu voto a favor ou en contra do derrube, mais agora cunha sentenza xudicial encima da mesa. Ante a expectativa de que PSOE e PP poidan impedir a aprobación da moción, Veloso advirte que “a sentenza é moi clara" e que o BNG seguirá "defendendo que se elimine esta cruz do monte do Castro”.