15:14 h. viernes, 29 de marzo de 2024

MUNICIPAIS 2015

O PP elixe a Elena Muñoz como candidata ás municipais após renunciar Guerra

Redacción | @VigoDixital  |  30 de enero de 2015 (18:48 h.)
Elena Muñoz, candidata do PP en Vigo (Foto: Xunta)

Ocupou numerosos cargos técnicos en materia económica dende a era Fraga até que en 2012 sucedeu a Fernández Currás como conselleira de Facenda. 

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, será a candidata do PP ás eleccións municipais de Vigo. Así o confirmou a prensa local e varias axencias, que sinalan que a elección estivo pendente da decisión de Javier Guerra, ex conselleiro de Economía, empresario millonario e antigo edil na corporación local, rexeitou unha oferta de última hora do presidente da Xunta, que trataba de evitar o que finalmente pasou. 

Unha crise no seu goberno, que perderá tamén ao titular de Educación e Cultura, Javier Vázquez, como alcaldable en Ourense. Guerra xa rexeitara dúas ofertas anteriores e Muñoz non estaba convencida. Pero a negativa do ex conselleiro precipitou a decisión de Alberto Núñez Feijoo, que afronta a quinta saída do seu gabinete nos últimos tres anos.

A súa carreira circunscríbese á Administración galega, dende a era Fraga, en perfís técnicos en departamentos económicos. 

Elena Muñoz é un perfil pouco mediático, alonxado da prensa. A súa carreira circunscríbese á Administración galega, dende a era Fraga, en perfís técnicos en departamentos económicos. Medrou á sombra de Marta Fernández Currás, que en 2012 foi designada por Rajoy como secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos. Muñoz sucedeuna entón como conselleira de Facenda.

Currás comandou as políticas de axuste e de recortes da Xunta, onde destacou Muñoz como alumna aventaxada. Agora terá que liderar a candidatura do PP en Vigo, en medio da crise da Xunta, a meses das autonómicas, e da corporación local. Chema Figueroa, que hai meses sabía que non sería o cabeza de lista, confirmou en rolda de prensa que a candidatura de Muñoz contou co aval político de Feijoo e Rafael Louzán.