00:04 h. viernes, 19 de abril de 2024

MEMORIA HISTÓRICA

PP e PSOE unen os seus votos para manter a Cruz fascista do Castro

Redacción | @VigoDixital  |  29 de septiembre de 2014 (16:52 h.)

Rexeitan no Pleno unha moción do BNG na que propuñan acatar a sentenza e retirar o monumento fascista de inmediato. Colectivos sociais están a preparar mobilizacións contra a decisión do Goberno de Abel Caballero de recorrer o fallo xudicial. [Vídeo no interior]

Os grupos municipais do PSOE e o Partido Popular volveron unir os seus votos. No Pleno de hoxe fixérono para rexeitar a moción presentada polo BNG na que o grupo nacionalista instaba a acatar a sentenza do xulgado número 2 de Vigo que obriga ao Concello a retirar a chamada “Cruz dos Caídos “ do Castro.

O voceiro do PSOE, Carlos López Font, limitouse a defender o dereito do Goberno municipal a recorrer o fallo xudicial. Semanas atrás o Alcalde da Cidade, Abel Caballero, atrevíase mesmo a negar que o monumento sexa un símbolo fascista, como estabelece a sentenza, asegurando que só se trata dunha “cruz”.

Iolanda Veloso lembrou que "ninguén obriga ao Concello" a recorrer a sentenza

A posición do goberno local foi duramente criticada polo Bloque. “É incomprensible que agora se estea negando que esa cruz é un símbolo franquista, como fai Caballero”, retrucou Iolanda Veloso. A voceira do grupo municipal do BNG lembrou que “ninguén obriga ao Concello” a recorrer a sentenza e defendeu a súa retirada inmediata.

Pola súa banda o Partido Popular escudouse na resolución adoptada pola primeira corporación municipal elixida en democracia, pola que se dedicaba a cruz, erguida a proposta da Falange e inaugurada polo ditador Francisco Franco, a todas as vítimas da guerra civil. Un cambio de significación simbólica que a sentenza xudicial asegura nunca se fixo efectivo, e que as vítimas do franquismo e colectivos da memoria rexeitan por supor unha equiparación de “vítimas e verdugos”

Desta maneira o BNG volvía quedar só no Pleno defendendo a aplicación da Lei de memoria Histórica, que paradoxalmetne foi aprobada en 2007 por un goberno socialista. No salón de plenos numerosos cidadáns e cidadás expresáronse a prol da retirada da Cruz, portando cartaces e acusando de “fascistas” aos edís de PSOE e Partido Popular.

Prepáranse mobilizacións

Diante desta nova negativa e ante a decisión xa anunciada de recorrer a sentenza, hai varios días que se suceden encontros preparatorios de cara á convocatoria dalgún tipo de mobilización cidadá para exixir a retirada da Cruz, tal e como prouxo a CIG hai dúas semanas. A práctica totalidade das organizacións sociais da cidade amosáronse partidarias do seu derrube.

Segundo puido saber VIGO dixital, esta mesma tarde terá lugar no centro da cidade unha nova reunión, á que foron convidadas numerosas organizacións políticas, sociais e sindicais da cidade, para concretizaren accións de protesto.

O NO-DO no salón de plenos

Na súa intervención de defensa da moción rexeitada a voceira do BNG reproduciu nunha tableta un fragmento do No-Do (o informativo oficial do réxime franquista) no que se daba conta da inauguración da Cruz do Castro, en 1961, en presenza do ditador. Ante esta evidencia o Alcalde retrucaba asegurando ter sido vítima de “cárcere” e “exilio” durante a Ditadura.