07:41 h. viernes, 19 de abril de 2024

RECLAMAN QUE CABALLERO RESPONDA PUBLICAMENTE

O sector crítico do PSOE de Vigo pide a demisión de Ángel Rivas

Redacción | @VigoDixital  |  18 de septiembre de 2014 (21:17 h.)

Alternativa Socialista cre que a imputación do concelleiro cuestiona a “legalidade e a ética” do Goberno de Abel Caballero.

Nun comunicado público a corrente Alternativa Socialista, que representa o sector crítico dentro do PSOE local, vén de demandar a demisión --de todos os seus cargos-- do concelleiro Ángel Rivas após ser imputado por prevaricación. Unha saída que reclaman apelando á “responsabilidade política” logo de rexeitaren comportamentos que xulgan “non se poden asumir como normais nin aceptábeis”.

O colectivo critica tamén a falla de respostas ofrecidas polo Goberno municipal perante a imputación dun dos seus edís. Por iso reclamanlle a Abel Caballero, como Alcalde e máximo dirixente local do partido, que compareza publicamente “para explicar detalladamente os feitos investigados” e xustificar que non se tomasen “medidas de hixiene ética e política” con anterioridade no caso de Rivas. Nese sentido xulgan un erro terlle permitido ao concelleiro renunciar á xerencia de Hormigones Valle Miñor, para poder manter os seus cargos políticos, logo de se descubrir que a empresa estaba a ser subcontratada por varias adxudicatarias de obras municipais.

Desde Alternativa Socialista declaráronse moi preocupados tamén pola actuación do executivo local perante a sentenza da Cruz do Castro ou a suspensión das becas de inglés.