16:30 h. martes, 16 de abril de 2024

MEMORIA HISTÓRICA

Os sindicatos fan fronte común pola retirada da Cruz fascista do Castro

Redacción | @VigoDixital  |  30 de septiembre de 2014 (21:38 h.)
Responsábeis de CCOO, UGT e CIG [Imaxe: Ernesto Ilkermn - Tercera Información]

CIG, CCOO e UGT critican a posición de PSOE e PP e opóñense a que se recorra a sentenza. Colectivos sociais e forzas políticas preparan unha mobilización contra polo seu derrube a mediados de outubro.

Nun comunicado conxunto asinado polas tres unións comarcais, os sindicatos CIG, CCOO e UGT veñen de facer público seu rexeitamento ao recurso presentado polo Goberno municipal contra a sentenza xudicial que obriga ao Concello a retirar a Cruz do Castro, ao a considerar un símbolo fascista. 

Desta maneira, CCOO e UGT súmanse á posición manifestada desde un inicio pola CIG, quen a través do seu secretario comarcal, Serafín Otero, exixía hai dúas semanas a retirada do monumento

Desmenten que sexa “só unha cruz”, asegurando que se trata dun “símbolo fascista ao pé do que se fusilaron  a persoas  desta cidade que non eran afíns o réxime”

As tres centrais sindicais critican ademais a posición adoptada por PSOE e PP no pleno do pasado luns, na que ambos os dous grupos opuxéronse a unha moción do BNG na que se pedía o acatamento do fallo xudicial e a súa execución inmediata.

No comunicado desmenten que sexa “só unha cruz”, asegurando que, pola contra, trátase dun “símbolo fascista ao pé do que se fusilaron  a persoas  desta cidade que non eran afíns o réxime”. Lembran ademais que a sentenza do xulgado número dous baséase na Lei de Memoria Histórica “aprobada polo goberno de Zapatero”, polo que entenden que o Goberno local presidido por Abel Caballero “non debería  hoxe poñer tantos atrancos para cumprila”.

As tres principais forzas sindicais da cidade, que representan arredor do 90% da clase traballadora, reclaman a execución da sentenza “sen máis demora”. Demanda que sosteñen “por respecto ás familias das vítimas” do franquismo.

Mobilización en outubro

O posicionamento conxunto dos tres sindicatos non é a única resposta ao mantemento da Cruz, defendido só por PSOE e PP. Diversas organizacións sociais e forzas políticas da cidade están a preparar a convocatoria dunha mobilización para exixir o seu derrube. Segundo puido saber VIGO dixital, o protesto terá lugar a mediados do mes de outubro. A acción será presentada en rolda de prensa esta mesma semana.