00:32 h. martes, 19 de marzo de 2024

DEMANDA ESTUDANTIL

Teis demanda outra liña de transporte público cara a Universidade de Vigo

Redacción | @VigoDixital  |  28 de enero de 2015 (23:37 h.)
Acto entrega das sinaturas no Concello (Foto: Comités)

A Asociación veciñal e a organización estudantil Comités entregaron 2.541 sinaturas recollidas no barrio para solucionar a saturación e atrasos que rexistra a línea actual. 

A Asociación Veciñal de Teis e a organización estudantil Comités presentaron no Concello de Vigo 2.541 sinaturas recollidas entre a veciñanza de Teis, demandando a creación doutra liña de Vitrasa que comunique o barrio coa Universidade de Vigo.

"As queixas ao transporte público vigués veñen sendo recorrentes desde hai anos e máis, no sector universitario” apuntaba Brais Fortes, responsábel nacional dos Comités. Neste senso, Anxo Iglesias, representante da A.V. de Teis comentaba que “como aparecía na última enquisa da OCU, o transporte público de Vigo está a ofrecer un dos peores servizos de transporte a nivel estatal e nisto, concordamos”.

Denuncian saturación nas horas punta, frecuencias insuficientes, necesidade de transbordos e unha excesiva perda de tempo en chegar até o campus. 

Tanto a A.V. de Teis como os Comités, falan da non efectividade do transporte actual ao campus para o barrio de Teis. Existindo saturación nas horas punta, frecuencias insuficientes, necesidade de transbordos e unha excesiva perda de tempo en chegar até o campus. “O autobús urbano convértese nunha industria conserveira a certas horas, levando estudantes como latas de sardiñas ás súas aulas”, denuncia Fortes, apuntando preocupado que “moitas deciden empregar o seu vehículo de transporte (privado), por estas incomodidades”.

O Pleno xa aprobara unha moción

Piden por este motivo unha lanzadeira máis para acceder á Universidade e destacan que, unha petición similar xa foi aprobada no Pleno do Concello de Vigo, o pasado 29 de xullo de 2014, a partires dunha moción do Partido Popular. “Seis meses despois, o estudantado de Teis continúa sen estar ben comunicado” dicía Anxo, pedindo que “os acordos plenarios non poden quedar en papel mollado”.

Solicitaron ademais unha xuntanza co concelleiro de transportes, así como co reitor da Universidade de Vigo; para falar de primeira man coas institucións implicadas.