06:24 h. jueves, 25 de abril de 2024

O temporal faise dioivo e asolaga a cidade

Redacción | @VigoDixital  |  16 de octubre de 2014 (16:05 h.)

Ampliada: O Concello de Vigo recomenda non facer uso do vehículo no que resta de día. Os sindicatos suspenden a concentración polo indulto de Carlos e Serafín. Até as 17:00h xa caeron 91,8 l/m² de precipitacións. [Imaxes no interior]

As previsións de temporal víronse superadas pola forte choiva que durante toda a mañá cae na nosa cidade. A cicloxénese explosiva Margit converteuse nun dioivo que máis unha vez asolagou diferentes puntos da cidade, especialmente na zona centro e nas inmediacións do Estadio de Balaídos por mor do desbordamento do río Lagares. Rexistráronse tamén incidencias noutros lugares como a Travesía de Vigo ou Lavadores.

A choiva comezou a caer en tromba pasadas as 11h desta mañá. A coincidencia coa pleamar provocou unha caudal de auga que colapsou a rede saneamento, facendo saltar varias arquetas que deron lugar a improvisados géisers de auga. Así sucedeu na céntrica rúa Colón, onde o tránsito de vehículos viuse seriamente dificultado. 

As previsións dos servizos meteorolóxicos apuntan a que o dioivo farase inda máis violento entre as 15h e as 18h desta tarde. Para alén da choiva o vento aparecerá con forza. Os refachos de vento no CUVI chegaron a superar os 100km/h a última hora da mañá, segundo informou MeteoGalicia.

 

[AMPLIACIÓN: 17:45h]


O Concello fixo público un comunicado no que recomenda "evitar o uso do automóbil" na cidade durante o día de hoxe. O aviso está motivo pola previsión de que a partir das 18h o tempo volva empiorar. A situación podería volver complexizarse se o temporal coincide coa segunda pleamar do día, prevista para as 23:36h, como aconteceu esta mañá.

Asemade, desde a Concellaría de Mobilidade sinalaron a zona de Balaídos, a contorna da rúa Coruña e Beiramar, e a zona da Praza da Compostela, Areal e Julián Estevez, como os ámbitos máis afectados polo dioivo, nos que o asolagamento dos viais impiden o tránsito. 

Ás 17:00 as precipitacións en Vigo xa atinxían os 91,8 l/m², segundo informou Meteo Galicia. Algunhas estimacións apuntaban ao inicio da xornada que se poderían superar os 120 l/m².

O temporal provocou tamén a suspensión da concentración unitaria, convocada por CIG, UGT e CCOO, para reclamaren o indulto de Carlos e Serafín. A CIG informou a través das redes sociais e nun comunicado aos medios que a mesma adíase para o próximo xoves día 23, ás 20h no MARCO.

Varios trens con orixe ou destino Vigo ou Pontevedra fican afectados polo temporal.

 

O dioivo en imaxes