00:14 h. Lúns, 21 de Agosto de 2017

Vigo Dixital

CORRUPCIÓN

Que teñen en común Rodrigo Rato e o concelleiro Ángel Rivas?

O edil socialista asegurou, na súa comparecencia xudicial como imputado por prevaricación, que non sabía a quen lle vendía o formigón a empresa da que era xerente ao tempo que concelleiro do Goberno local.

Redacción | @VigoDixital  |  22 de Outubro de 2014 (08:00 h.)
Máis accións:

Rodrigo Rato e Ángel Rivas [Imaxes: Wikipedia e Vigo.org]
Rodrigo Rato e Ángel Rivas [Imaxes: Wikipedia e Vigo.org]

Ademais de estaren ambos os dous imputados en causas xudiciais e con independencia de que non existe relación entre as mesmas, hai algo que  o ex presidente de Bankia, o popular Rodrigo Rato, e o concelleiro de Parques e Xardíns, Limpeza e Distritos da nosa cidade, o socialista Ángel Rivas, teñen en común: a ignorancia. Tanto Rato como Rivas alegaron na súas respectivas declaracións diante da Xustiza descoñeceren cuestións esenciais que polas atribucións dos postos que ocupaban non deberían ignorar.

"Non quixen facer irregularidades. Todo está mal, pero non o sabía". A cita --recollida polo xornal El País-- é de Rodrigo Rato, o ex presidente da rescatada Bankia e quen outrora fora un dos homes fortes do Partido Popular chamado a suceder ao propio Jose María Aznar. Desta maneira Rato tentaba zafar, na súa comparecencia xudicial, das preguntas que se lle formularon a respecto das "tarxetas black" coas que 83 directivos e conselleiros da entidade gastaron supostamente de maneira irregular 15 millóns de euros. 

"Non sei a quen se lle vendía o formigón" declarou Rivas en resposta a preguntas da fiscalía

Unha resposta semellante foi a ofrecida polo concelleiro Ángel Rivas ao ser preguntado sobre as subcontratacións das que resultou beneficiada a empresa da que era xerente, Hormigones Valle Miñor, por parte das adxudicatarias de varias obras de humanización executadas polo Goberno Municipal do que, ao tempo,el mesmo  facía parte. "Non sei a quen se lle vendía o formigón" asegurou Rivas en resposta ao interrogatorio da fiscalía, segundo recolle La Voz de Galicia

O descoñecemento alegado polos dous  imputados, condición pola que teñen permitido mentir para non se autoinculpar, parece pouco consistente dado que en ambos os dous casos ocupaban responsabilidades directivas de máximo nivel na dirección das súas sociedades.

O edil socialista, que a pesar da súa imputación polos delitos de prevaricación administrativa e negociacións prohibidas para funcionarios non demitiu nin foi cesado polo Alcalde, negou ter condicionado ou exercido presión para que as construtoras adxudicatarias das humanizacións contratasen coa súa empresa o subministro de formigón.

Rivas recoñeceu que non se ausentaba das reunións da Xunta de Goberno Local nas que se adxudicaban as obras de humanización

Porén, Rivas recoñeceu que non se ausentaba das reunións da Xunta de Goberno Local nas que se adxudicaban esas obras, fórmula que lle tería permitido formalmente inhibirse na toma de decisións. O concelleiro alegou que un informe do secretario municipal estabelecía que era compatíbel a súa condición de xerente dunha empresa privada coa de concelleiro do Goberno.

Unha explicación que a xuíza terá que determinar se é suficiente para desbotar as acusacións sostidas pola fiscalía contra un dos principais dirixentes do PSOE vigués.  Para a fiscal xefe de Vigo, Susana García-Baquero,  existen elementos que apuntan a que Rivas concertou presuntamente, de maneira directa ou indirecta, a venda de cemento e formigón a nove empresas adxudicatarias de obras municipais entre os anos 2010 e 2013. En xuño de 2012 o edil renunciaba ao seu cargo como xerente de Hormigones Valle Miñor. 

Mantéñense as imputacións

As declaracións de Rivas e Rato non foron polo momento argumento suficiente para lles retirar cadansúa imputación

Ademais da ignorancia sobre os presuntos feitos que sustentan a acusación contra deles, e de a soster malia seren dirixentes de primeiro nivel de Bankia e Hormigones Valle Miñor no período no que puideron ter lugar as irregularidades, as declaracións de Rivas e Rato non foron polo momento argumento suficiente para lles retirar cadansúa imputación. Máis unha coincidencia que os une.

O paralelismo rómpese no tocante ás consecuencias políticas das súas imputacións. Mentres Rodrigo Rato acabou por solicitar a súa suspensión temporal como afiliado do Partido Popular --o que paralizou o expediente informativo en curso contra el dentro do partido--, Ángel Rivas non renunciou a ningunha responsabilidade orgánica nin institucional, e continúa en activo como militante e dirixente do PSOE de Vigo. Situación que xa provocou a queixa do sector crítico dos socialistas pedindo a súa saída.