00:09 h. viernes, 26 de abril de 2024

XESTIÓN BAIXO SOSPEITA

Varias causas xudiciais acurralan ao Goberno municipal baixo a sombra da corrupción

Redacción | @VigoDixital  |  16 de septiembre de 2014 (10:00 h.)
O Concelleiro Ángel Rivas está imputado por suposta prevaricación  [Imaxe: Vigo.org]

O xulgado número 1 de Vigo vén de imputar ao Concelleiro Ángel Rivas acusado de presunta prevaricación administrativa. Rivas foi xerente até xuño de 2012 dunha empresa construtora subcontratada por varias adxudicatarias de obras de humanización do Concello.

 

A imputación, por presunta prevaricación administrativa, do concelleiro Ángel Rivas é o último capítulo dentro da serie de causas xudiciais que enfronta o goberno socialista. Súmase á investigación do Tribunal de Contas sobre presuntas irregularidades en varias contratacións, as acusacións de enchufismo e nepostismo, o rexistro de varias dependencias do Concello dentro da operación Patos contra a corrupción municipal ou a querela por inxurias presentada pola AV de Teis contra Abel Caballero.

O xulgado de instrución número 1 de Vigo vén de imputar ao concelleiro  Ángel Rivas. Os cargos aos que se enfronta o edil de Parques e Xardíns, Limpeza e Distritos do Concello de Vigo, e un dos homes fortes do Goberno de Caballero e máis do PSOE local --do que é Secretario de organización--, son prevaricación administrativa e negociacións prohibidas para funcionarios. A causa ten como orixe a denuncia formulada meses atrás polo Partido Popular sobre a adxudicación de obras de humanización por parte do Concello a empresas que logo subcontrataron a Hormigones Valle Miñor, da que Rivas foi xerente até xuño de 2012.

Polo momento o concelleiro imputado mostrouse confiado en ser quen de demostrar a súa “absoluta inocencia” cando compareza diante do xulgado. Canda el resultaron imputadas outras tres persoas. Un técnico da Concellaría de Urbanismo e dous administradores dunha empresa construtora.

Subcontratacións baixo sospeita

No verán de 2012 o concelleiro agora imputado negaba a través dun comunicado, datado a 8 de xuño, que a empresa na que traballaba desde había máis de quince anos, Hormigones Valle Miñor,  tivese algunha relación contractual directa coa administración municipal e explicaba que el non facía parte persoalmente da mesa de contratación que adxudicaba as obras de humanización. 

Porén, logo de adxudicadas varias destas actuacións Hormigones Valle Miñor resultaba a empresa escollida polas adxudicatarias para realizar o asfaltado de varias das rúas humanizadas, entre elas a rúa Nicaragua, Brasil, Pintor Colmeiro e Martínez Garrido. Concretamente foron catro empresas adxudicatarias as que, supostamente, encomendaron a Hormigones Valle Miñor traballos. Movexvial, Oresa, Secoysa e Construcciones Eiriña.

Esta última empresa, Eiriña (vinculada ao pai dunha concelleira do PP de Vigo) , é unha das que está a ser investigada dentro da macrooperación “Patos” contra a corrupción municipal. De feito o seu dono, E.A.P.,  foi un dos cinco detidos no operativo realizado no mes de febreiro. O despacho de Ángel Rivas, así como o do Concelleiro de Fomento, David Regades,  foi unha das dependencias rexistradas pola policía xudicial o pasado mes de febreiro dentro desa operación.

Enchufes e nepotismo

Son varias as denuncias públicas de "enchufismo" na contratación en empresas concesionarias do Concello

Se hai unha acusación recorrente contra o actual executivo local presidido por Abel Caballero é a de nepotismo. Meses despois de afirmalo xenericamente, o ex alcalde socialista Carlos Príncipe denunciaba a través dos medios de comunicación a existencia de polo menos 24 casos de persoas presuntamente enchufadas en empresas concesionarias municipais ou coas que o Concello ten contratados servizos. Carlos Príncipe apuntaba directamente á contorna persoal da primeira tenente de Alcalde, Carmela Silva, como a presunta beneficiada destas contratacións irregulares. Sumouse a esa denuncia a denominada plataforma Xuntos que remitiu un escrito á fiscalía instándoa a investigar dezaseis casos  baixo sospeita de “enchufismo”.  Pola súa banda o Presidente do PP de Vigo, Jose Manuel Figueroa, elevou até 200 os casos de supostos enchufes poñéndose a disposición da fiscalía para lle achegar a documentación da que dispoñen os populares, mais que non fixeron pública.

Fronte estas graves acusacións a  resposta oficial do Concello, as máis das veces por boca do propio Alcalde, foi sempre a mesma. “Sen comentarios”. “Nada que dicir ao respecto”. Unicamente o secretario xeral do PSOE de Vigo, Manel Gallego, emitía logo de semanas  de escándalo un comunicado cargando contra o portavoz da plataforma Xuntos, Carlos González Armada, a quen cualificou de calumniador profesional. O BNG exixiulle a Caballero que respondese das acusacións e dixese publicamente se eran falsas. Un reclamo que non obtivo resposta por parte do primeiro edil. Tamén demandaron explicacións públicas a Federación Veciñal, a Rede de Solidariedade Popular e Esquerda Unida, con iguais resultados.

Investigación do Tribunal de Contas

Presuntas irregularidades na contratación de varios traballadores municipais, entre eles o actual interventor, provocaron tamén que o Tribunal de Contas abrise recentemente unha investigación a partires dunha denuncia anónima. Se ben esta causa non tería consecuencias penais, si que podería supor unha pena económica para as arcas municipais, no caso de que se confirmasen as irregularidades baixo sospeita. 

Desde o Goberno local, após afirmaren non teren constancia oficial da investigación en curso, explicaron que foi a Xunta de Galiza quen visou o nomeamento do actual interventor, concretamente o pasado 24 de febreiro, e defenderon a total legalidade das contratacións.

Operación Patos

O 18 de febreiro deste ano a denominada Operación Patos contra a corrupción municipal realizaba simultaneamente varios rexistros en dependencias de diversas adminsitracións públicas. Unha delas era o Concello de Vigo. 

A operación Patos realizou en febreiro varios rexistros en dependencias municipais

A policía xudicial rexistrou durante horas os servizos de limpeza, parques e xardíns, vías e obras e medio ambiente ambiente, escudriñando mesmo nos despachos dos seus concelleiros responsábeis, entre os que se atopaba o agora imputado Ángel Rivas. A investigación puxo o foco entre outros na prórroga no contrato do mantemento de parques e xardíns, recentemente asinada, a favor de Cespa.O xerente de Cespa en Galiza, J.A.V, resultaba detido canda outras persoas no marco da operación. 

Após as pesquisas era requisada abundante documentación municipal. Desde o día do rexistro até hoxe o Alcalde limitouse a expresar a súa vontade de “máxima transparencia e colaboración coa policía”, mais sen explicar publicamente a que se debía o operativo policial-xudicial, malia llo preguntar expresamente o grupo municipal do BNG.

Querela veciñal por inxurias contra Caballero

Outra das frontes xudiciais que acosan ao executivo local é a promovida pola Asociación Veciñal de Teis. O colectivo anunciou a interposición dunha querela por inxurias e calumnias contra Abel Caballero, polas súas declaracións realizadas nun programa de televisión local o pasado mes de xullo nas que aseguraba que o convenio de 55.000€ que reclamaba a entidade para continuar a xestionar o centro cívico de Teis eran en realidade “para asuntos particulares” da directiva da asociación.  

A AV de Teis querelarase contra o Alcalde por, segundo denuncia, inxuriar ao colectivo veciñal

O 31 de xullo a asociación anunciaba publicamente a súa intención de presentar unha querela para forzar a rectificación do rexedor. Segundo puido saber VIGO dixital en poucos días fixarase data para o acto de conciliación, previo á querela, no que estará citado Abel Caballero, e que previsibelmente terá lugar na primeira quincena do mes de outubro.

Concesionarias no punto de mira

As insinuacións veladas arredor da presunta conivencia municipal coas empresas privadas que asumen as concesións dos principais servizos públicos, son tamén constantes malia que non se teñen visado en denuncias concretas. 

O último apunte neste sentido facíao o concelleiro popular Antonio Bernárdez, días atrás, acusando ao Goberno de Caballero de “regalar 58.000 euros” dos orzamentos municipais a unha empresa concesionaria de aparcamentos soterrados da cidade. Bernárdez denunciou que o Concello estaría asumindo amaños na superficie da Praza do Rei , por importe de case sesenta mil euros, cando esas obras lle corresponden á concesionaria privada.

[Imaxes: Vigo.org]