![Miguel Núñez [Imaxe: Ernesto Ilkermn]](/asset/thumbnail,768,432,center,center/media/vigodixital/images/2014/10/18/2014101818560655526.jpg)
Na sala Apo'strophe da Praza Elíptica (Vigo), Miguel Núñez fai maxia con toda unha vida dedicada á fotografía e ao fotoxornalismo.
Presentado coas palabras de Goitisolo e Alfonso Sastre na voz de Julián Rodríguez, Miguel Núñez inaugurou a súa exposición con algunha chiscadela aos seus primeiros anos coa cámara, que focou para poñer rostro aos "invisibles", persoas que naufragaron nunha sociedade que os aílla e converte en illas.
Vigo non só son as Cíes. Tamén é o Asilo do Barrio do Cura (edificio abandonado, onde viven varios sen teito) e moitos outros lugares que ás veces ignoramos cando pasamos ao seu lado. Miguel móstranoslos, amosando non só a súa beleza exterior senón tamén o seu rostro humano interior.
Ademais pódese ver outro tipo de fotografía, co selo persoal de todo un cronista da cidade, que retratou como poucos o 15-M de Vigo e estivo ca súa cámara nas Marchas da Dignidade do 22-M en Madrid. O autor traballou, entre outros medios, no Faro de Vigo e Galicia Confidencial.
Na inauguración da exposición, o pasado 10 de outubro, adicou unhas verbas reivindicando o labor do fotoxornalismo como unha vía de contar o que non sempre sae nos mass media. A exposición "Islas, náufragos invisibles" estará na sala até o 1 de novembro (de 18.00 a 21.00 h. de luns a sábado)."