00:47 h. sábado, 20 de abril de 2024

ENTREVISTA

Manuel Bragado: “Vigo leva un mandato sen políticas culturais”

A.R.  |  01 de septiembre de 2014 (10:00 h.)
Manuel Bragado [Imaxe: Pilar Ponte, cc by-nc-nd]

Na estrea de VIGO dixital analizamos devagar a situación da cultura, da literatura e do galego na nosa cidade cun dos principais referentes da edición galega.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959). Licenciado en Ciencias da Educación pola USC. Foi presidente da Nova Escola Galega (1986-88). Traballa en Edicións Xerais de Galicia, sendo dende 1994 o seu director xeral. 

É responsábel dun dos principais selos editoriais do país e até hai pouco presidente da Asociación Galega de Editores, como valora a situación do idioma e da cultura galegos en Vigo?

A situación da lingua e da cultura en Vigo non é allea á do conxunto do país. Non vexo que Vigo sexa un caso único, se non máis ben é un modelo que esta xurdindo no conxunto do país. Vigo ten unha situación crítica para o idioma. Por exemplo, o seu uso no ámbito público onde estamos sometidos a un claro retroceso, especialmente no ámbito do Goberno municipal, é un grave retroceso. Desgraciadamente non só en Vigo, tamén se repite en  noutras cidades e poboacións da nosa área metropolitana.

Nos últimos anos non parece existir unha política cultural destinada á promoción da lectura na nosa cidade. Que opina? Que propostas lle faría ao Goberno municipal?

Descoñecemos os obxectivos da Concellaría de Cultura

Levamos un mandato sen políticas culturais en Vigo. Descoñecemos as finalidades, os obxectivos da Concellaría de Cultura e ao longo destes tres anos de mandato non se fixo ningunha política, nin programa con obxectivos claros. Deixouse de dotar con recursos tanto as políticas públicas de lectura como as políticas de promoción cultural, incluso as políticas de festas ou lecer, que tamén teñen unha gran importancia. 

Na última feira do libro foron numerosas as críticas ao Concello por impediren que as casetas se coloquen no centro da Alameda. Este feito sintomatiza falta de apoio ao sector na cidade?

Vigo ten unha feira do libro horríbel, nada a ver coa da Coruña

Eu que viaxo ao longo do ano por todas as feiras do libro e acabo de vir agora da feira do libro da Coruña, teño que dicir que nada que ver a feira do libro da Coruña coa de Vigo. Non só polo pulo de participación nos actos. Vigo ten unha feira horríbel, o cambio de datas da primeira quincena de xullo aos últimos 10 días de maio é un erro da Federación de libreiros que na miña opinión debe ser reconsiderado. E despois pola incapacidade que ten a feira de conectar coa cidadanía. Eu non sei si o  problema é a Praza de Compostela , aínda que a feira leva máis de catro décadas neste emprazamento, polo que podemos dicir que é un problema de comunicación, de facerse eco dentro da cidade. Na Coruña realizan cousas máis interesantes como que dentro do programa de festas se inclúa a feira do libro, tamén a do cómic e a da artesanía.  Vemos tamén os casos de Madrid ou Barcelona, nesas datas esas cidade son unha referencia por esas feiras.  Desgraciadamente Vigo a pesar de ser a capital editorial de Galiza non consegue remontar, isto é lamentábel.

Como valora a rede de Bibliotecas na cidade de Vigo?

Vigo ten un déficit bibliotecario que apenas foi abordado durante o mandato anterior, sobre todo coa creación da Biblioteca Neira Vilas no Calvario, que foi a única vez que se rompeu a anemia bibliotecaria que vivimos na cidade de Vigo. 

Seguimos sen saber onde se pode situar a Biblioteca Estatal. Esta sería unha biblioteca que prestase servizos máximos de acceso e promoción e con soportes como merece unha cidade de 300.000 habitantes. Non sei se será posíbel que este proxecto vaia adiante algunha vez, xa que dubido que estea presente nos orzamentos xerais do Estado.

E a situación dos nosos museos?

A política museística, a pesar de que se nos convocou a varias persoas a opinar sobre como a orientar, todo quedou en augas de castaña, xa que fomos convocados hai tres ou catro meses e nunca máis soubemos de como se van integrar ou reorientar as políticas das redes de museos de Vigo. O único que sabemos é o decrecemento dos recursos que reciben estes museos por parte de todas as administracións.  Non só por parte do Concello se non tamén por parte da Xunta e do Estado. 

O mesmo podemos dicir do cativo programa de festas de este verán que apenas foi un síntoma desa anemia , de intención e de pulso político, indubidablemente que hai unha tradición viguesa popular dos grandes concertos de Castrelos e que houbo algunha cousa interesante, pero que se comparamos con outros tempo foi moi baixo. 

Desde o mundo da cultura hai quen responsabiliza tamén das políticas de recorte impostas desde Madrid e Xunta...

A crise das librarías non é allea ás políticas educativas que desenvolve o  PP

Claro, por iso non somos unha situación única. A situación do libro en Vigo, a pesar de non ter estudos para matizar os datos, si sabemos que as librarías non son alleas ás políticas educativas que desenvolve o goberno do PP. Para nós isto é chave para analizar a situación do sector editorial e da lingua galega, que teñen moito que ver coas políticas que leva a Xunta nos últimos dos 5 anos. 

Cando dicimos que o sector do libro é importante que non só se identifique co literario, xuvenil ou infantil, queremos que se analice o conxunto do sector que existe unha parte importante do libro educativo que supón o 50%. Hai o libro de ámbito de referencia, ou de carácter universitario que tamén está nunha grave crise e o que mellor se sostén é grazas aos lectores son os xéneros da ficción como para adultos, infantil ou xuvenil. Onde se  nota un retroceso menor que noutros ámbitos. 

Fixo referencia á política lingüística.  Na súa opinión cales son as chaves polas que pasa o futuro do galego na nosa urbe?

Na miña opinión isto pasa por tres ámbitos, o primeiro a recuperación das políticas publicas de lectura e de normalización lingüística por parte de todas as administración que teñen competencia neste ámbito, dende o concellos, até a Xunta e pasando polas Deputacións provinciais. Neste sentido o Consello Municipal de Normalización Lingüística debería ser reactivado e pular pola elaboración de un plan estratéxico para os próximos 4-8 anos.

O galego debe volver recuperar o seu protagonismo nos espazos públicos

En segundo lugar, pasa pola visualización da lingua na cidade e superar os prexuízos. Estes son o peor inimigo dos que queremos usar o galego as 24 horas do día. Para visualizar a lingua esta debe volver recuperar o seu protagonismo nos espazos públicos, dende os medios de transporte, os medios de comunicación locais, tanto nos impresos como nos dixitais, Digamos que a presenza que ten a lingua galega no estadio de Balaídos deberiamos ser capaces de contaxiala e trasladala ao resto da cidade. Ese sería un bo obxectivo.

E o terceiro, pasa pola responsabilidade de cada un de nós. Xa non pasa polas políticas púlicas senón polo compromiso dos galeguistas e dos galegofalantes.  Probablemente, isto sexa como a poalla e o que nos pode axudar a enchoupar ao conxunto da sociedade viguesa. Creo que iso temos que enmarcalo nunha posición mais proactiva dos galeguistas. Nestes últimos anos o galego gañou algo de espazo na vida política, cultural e nalgúns medios. Creo que os galegos falantes temos o compromiso de podermos conseguilo.