A parroquia acollera unha nova edición do Festival Son Das Mámoas para poñer fin ao verán.
Unha edición máis do Festival Son Das Mámoas encherá de creatividade cultural e artística a parroquia de Candeán, o 12 de setembro no campo de fútbol. Arredor da programación musical, tamén haberá obradoiros, actividades para crianzas, exposicións, exhibicións, teatro e animacións. Destinadas ao público máis combativo, festeiro e que rexeita a dominante cultura de masas.
Os organizadores do Festival defínense como mozas e mozos reivindicativos, inconformistas. Parte dunha xeración a quen non lle deixan traballar, e que cada vez ten máis dificultades até para estudar. Afirman ser os que non se poden independizar nin pensar no seu futuro, a nova emigración precaria que ten que escapar da súa terra en busca do pan e da dignidade que lle negan. E que aseguran estar fartos desta situación. Por todo isto o colectivo de mamoer@s decidiron botar man da cultura para, a través da música, espertar conciencias.
Nesta edición do Son Das Mámoas o cartaz que estará composto por Nao, The Skarnivals, Labregos do tempo dos Sputnik, Xenderal, Caiman Do Río Tea, Iyaman Pablo & Irie Reggae e Invasive Sessions. A hora do inicio dos concertos será ao redor das 21.00h, ademais os organizadores confirmaron que un ano máis, haberá servizo lanzadeira de Vitrasa tras a finalización dos concertos e un espazo gratuíto de estacionamento para carros.