09:48 h. sábado, 20 de abril de 2024

CRÓNICA DO PRIMEIRO PARTIDO FÓRA DA CASA

Andalucía xa non é o paraíso: Córdoba 1 - Celta 1

Marco Oubiña | @MarcoOubina  |  01 de septiembre de 2014 (10:00 h.)
CordobaCeltaLFP

O conxunto celeste deixou escapar dous puntos no seu primeiro encontro a domicilio.

 

No seu primeiro encontro a domicilio, o novo Celta de Eduardo “Toto” Berizzo visitou a cidade califa. Fíxoo con folgos de acadar a segunda vitoria da tempada ante un Córdoba que facía máis de 42 anos que non xogaba na máxima categoría do fútbol estatal. O conxunto celeste comezou cuns 20 minutos de fútbol combinativo e ofensivo, capitaneado pola velocidade e desborde de Nolito e Orellana en ambas as bandas, os celestes tiveron abundantes xogadas de perigo que obrigaron ao equipo local a pecharse na súa parcela.

O encontro rematou cun empate que deixaría máis ledos aos locais que ao equipo visitante.

O equipo andaluz achicaba augas como podía. No minuto 17 o gardameta Juan Carlos tivo que dar o mellor de si para evitar o adianto do conxunto celeste no marcador, tras  un potente disparo de Orellana e o rexeite posterior de Alex López. 2 minutos máis tarde tivo outra gran oportunidade Larrivey nun remate en semierro que salvou Juan Carlos cando este xa parecía batido. Notilo meteu o balón dentro da portería pero o tanto foi anulado por fora de xogo. 

Tras os primeiros 30 minutos de xogo, o equipo celeste viu minguada a súa intensidade pola abafante calor e polas recuperacións de balón do Córdoba. No minuto 36, os locais tiveron unha oportunidade para se adiantaren no marcador cun potente disparo dende a frontal da área de Fede Cartabria. O Celta tamén tivo a súa, 2 minutos máis tarde e por mediación de Alex López , que non aproveitou un gran pase de Nolito e disparou fora dos tres paus ante a saída de Juan Carlos. Ambos os dous equipos chegaron ao descanso con oportunidades de perigo pero con falta de finalización en nas áreas. 

A segunda metade comezou con dominio do Celta, conseguindo abrir o marcador no minuto 52, grazas a un grave erro do gardameta local e un tiro fortuíto de Orellana. O internacional chileno adentrouse na área e logrou sacar un disparo coa zurda, que Juan Carlos non puido deter, permitindo que o balón chegara ao fondo das mallas.

Malia ao tanto en contra, o Córdoba recompuxo o seu xogo rapidamente e a raíz do gol o equipo local amosou os seus mellores momentos de fútbol. Tal foi así, que no minuto 60 Fede Cartabria colocou o empate no marcador. Fausto Rossi realizou un perigoso centro á área que non acertou en despexar  Jonny e o esférico rematou nas botas do arxentino, batendo con sutileza a Sergio Álvarez.

Tras o empate e con media hora por disputar, ambos equipo buscaron o tanto da vitoria e o encontro gañou en emoción cun xogadas de perigo en ambas áreas. Nos últimos 10 minutos o equipo local comezou a notar a fatiga e cedeu terreo ao equipo celeste, que insistía en acadar a vitoria con máis fe que acerto. O encontro chegou ao seu fin cun empate que deixaría máis ledos aos locais que ao equipo visitante.

 

Ficha técnica


  • Córdoba CF: Juan Carlos; Gunino, Pantic, Íñigo López, Pinillos; López Garai (Ekeng, min. 71), Rossi; Fede Cartabia, Ryder Matos (Borja García, min. 46), López Silva; Havenaar (Xisco, min. 78).
  • Celta de Vigo: Sergio Álvarez; Jonny, Cabral, Fontás, Planas; Radoja, Álex López (Augusto Fernández, min. 63), Krohn-Dehli; Nolito (Hernández, min. 85), Orellana e Larrivey (Charles, min. 77).
  • Goles: 0-1, min. 51: Orellana; 1-1, min. 59: Fede Cartabia.
  • Colexiado: José Antonio Teixeira Vitienes (Comité Cántabro), amoestou con cartón amarelo os locais Ekeng, e aos visitantes Jonny, Radoja, Augusto Fernández e Cabral.
  • Incidencias: Encontro da segunda xornada de liga en Primeira División, celebrado no Arcángel,  terreo de xogo en boas condicións, ante 15.893 espectadores, dos cales máis de medio centenar eran seareir@s do equipo celeste.